Jacinto Rey cede ante Rajoy

O empresario propietario de Xornal impulsa a saída do director deste medio, José Luis Gómez, tras a publicación dunha foto comprometida do líder do PP.

Por Xurxo Salgado | Santiago | 01/04/2011 | Actualizada ás 18:41

Comparte esta noticia

José Luis Gómez deixa a dirección de Xornal de Galicia. Esta decisión chega tras os consellos de Jacinto Rey, o empresario dono de Xornal de Galicia a través de Udramedios, a división de medios de comunicación do Grupo San José. Uns consellos que chegan tras unha tensa conversa que o secretario xeral do PP, Mariano Rajoy mantivo con Rey.

E é que o líder popular montou en cólera tras a publicación por parte de Xornal e do diario Público dunha fotografía na que aparecía a bordo do iate Moropa, pertencente ao clan de Os Caneos de Cambados, con varias xeracións de condenados por tráfico de drogas. E a reacción inmediata foi chamar a Jacinto Rey para pedir explicacións por esta información.

Futuro presidente

Segundo as fontes consultadas, Rajoy insinuou que será o presidente do Goberno en breve, o que implica ter o poder de continuar adxudicando, ou non, obras públicas ás grandes empresas españolas, entre elas, por suposto, á Constructora San José. Un aviso que Rey captou de inmediato. As fontes consultadas divirxen no contido completo desa conversa pero todas coinciden en que Rajoy lle pediu a cabeza de Gómez.

A información publicada o luns por Xornal non só causou indignación na sede do PP en Génova, senón tamén, no PP de Galicia. De feito, e segundo as fontes consultadas por Galicia Confidencia, o presidente galego Núñez Feijóo era consciente xa desde mediados desta semana que o xa ex director de Xornal tiña un pe fora da empresa.

"Ariete" do PSOE


E é que os populares galegos acusan a este medio de ser un "ariete" do PSOE, especialmente, nos últimos meses, tras o acercamento deste medio a José Blanco, que mantén boas relacións con Jacinto Rey. De feito, o empresario pontevedrés é un dos grandes beneficiarios das obras do Ministerio de Fomento.

Hai escasamente dous meses, Xornal de Galicia renovaba o seu Consello de Administración. O empresario Alfonso Paz-Andrade era nomeado novo presidente do Consello de Administración substituíndo no cargo a Domingo Docampo. Xunto a el están agora Xosé Díaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo, como vicepresidente primeiro e Miguel Barros, histórico dirixente socialista, que xa formaba parte do Consello de Administración, como vicepresidente segundo. Uns cambios que se interpretaron como unha aproximación ao PSOE.

O que queda por dilucidar é o futuro de Gómez, que tamén é accionista e conselleiro desta empresa de comunicación, froito da súa participación a través de Xornal Galinet SA, a empresa editora do primixenio xornal.com.

Fonda relación

Non é a primeira vez que Gómez e Rey manteñen diferencias. A primeira delas foi en 2004, cando se abortou a primeira operación para sacar Xornal de Galicia en papel. Entón o detonante foi a dimisión do profesor José María da Rocha como presidente e conselleiro delegado un mes despois de ser nomeado. Entón, Rey posuía o 32% de Xornal Galinet. A relación retomouse pouco despois, e en 2008 saía a rúa, Xornal de Galicia. Durante estes dous anos e medio houbo máis crisis internas, a máis grave, a saída do xerente Miguel Angel Souto, cuñado de Rey, en febreiro de 2010, por "diferencia de criterio" empresarial con Gómez.

Non é a primeira vez que en Galicia Confidencial falamos dos intereses económicos e políticos que rixen aos grandes medios de comunicación, nin será a última. Antes de invertir en Xornal, San José fíxose co dominio de Promocións Culturais Galegas, na que invertiu máis dun millón e medio de euros en 2006. Esta empresa, editora do semanario nacionalista A Nosa Terra, iniciou un ambicioso proxecto de crecemento que acabou en fracaso e coa empresa en suspensión de pagos.

Galicia Confidencial seguirá informando desta nova e tentará achegar tamén a opinión dos principais actores.

None

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 79 comentarios

4 Currás

Claro "Realista", botárom a facha de Gómez por ser pouco galeguista, e nom polas comenências empresariais de Jacinto... Home por dios... E agora queres meter a Eiré? O mártir do jornalismo galego nom? xD Mimadrinha...

3 decepcionada

Increíble este país. Increíble. ¿Y ahora que nos queda?

2 Laureano

Todos cúmplices no tema do PP e os narcos: La Voz de Galicia, Jacinto Rey, Aymerich...

1 Realista

Primeiro, parabéns a GC pola primicia. Sodes os máis rápidos. Segundo, creo que é unha boa noticia para o galeguismo. Gómez non era de fiar e lastraba o bo traballo dos redactores de xornal coas súas lambidas de cús a Blanco e a Méndez. Terceiro, Jacinto Rey saberá facer aeroportos, pero visto o visto, de medios de comunicación non ten nin puta idea. Quinto, propoño un director, galeguista, comprometido e con experiencia: Alfonso Eiré.

1 Un que traballou para ANT

hahahahaha. Si, a ver se así me paga a pasta que me debe.

2 Cangueiro74

Si agora vai ser que Gómez lle lambeu o cu a Blanco. Non será que certo grupo que xa axudou a afundir a ANT ven de gañar terreno en Xornal.com? Non será que dende hai tempo a Gómez non lle molaba nada o nobo ambientador arrecendo a rosas que había na redacción? Vamos, digo eu, que eu non sei nada!