Temas: CHUVIA A CORUñA

O Concello da Coruña analizará coas entidades da cidade os danos causados polo temporal de auga

Confeccionaron "un mapa exacto das incidencias e danos provocados a nivel particular polo temporal de choiva desta fin de semana".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/07/2018 | Actualizada ás 18:13

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña analizará con distintas entidades da cidade, do ámbito do comercio e a hostalaría, os danos causados polo temporal de auga da pasada fin de semana, en que coincidiron fortes choivas e a pleamar.

Inundación no arquivo da Audiencia da Coruña (foto arquivo). REMITIDA
Inundación no arquivo da Audiencia da Coruña (foto arquivo). REMITIDA | Fonte: Europa Press

Sobre o ocorrido, e despois de que se produciran asolagamentos e desbordamentos de auga, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asegurou que "non existe ningún dato que faga pensar que houbo problemas na rede de saneamento".

Este martes tivo lugar no Pazo de María Pita unha reunión do rexedor coruñés e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, coas entidades e asociacións de comercio e hostalaría da cidade herculina para confeccionar "un mapa exacto das incidencias e danos provocados a nivel particular polo temporal de choiva desta fin de semana".

A preguntas dos xornalistas despois da reunión, Ferreiro explicou que "moitos locais, tanto comerciais como de hostalaría afectados, teñen contratos con aseguradoras". Non entanto, o alcalde dixo que "o concello quere porse a disposición das persoas afectadas para poder axudalas no que sexa necesario", polo que insistiu en que é "necesario ter unha foto clara dos danos".

Doutra banda, en canto ás consecuencias do temporal no espazo público, o alcalde coruñés lembrou que "o que ocorreu esta fin de semana deriva dunha situación de choivas extraordinariamente intensas nun período moi curto de tempo", algo que, engadiu Ferreiro, "unido á pleamar dificultou moito o abocamento, sobre todo en zonas ao nivel do mar".

Ademais, o primeiro edil puxo de relevo o traballo que o goberno local leva a cabo desde 2015 na cidade da Coruña. "Levamos tempo realizando numerosas actuacións de mellora, aínda que esta fin de semana viviuse unha situación de excepcionalidade", argumentou Ferreiro.

Temas: CHUVIA A CORUñA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta