"Abride a fiestra", o festival na honra a Rosalía

Esta festa, chea de música e poesía, terá lugar os días 14 e 15 de xullo en Padrón e na Casa de Rosalía, e está organizada pola Fundación Rosalía de Castro.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2018 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

A Fundación Rosalía de Castro pon en marcha o festival ‘Abride a Fiestra’, que terá lugar os días 14 e 15 de xullo en Padrón e na Casa de Rosalía, e que acollerá diferentes manifestacións culturais tendo a Rosalía como figura central. Entre os protagonistas da fin de semana están Mercedes Peón, Habelas Hainas, Najla Shami, a proposta musico-poética Cintaadhesiva, a pianista Margarita Viso e a Coral Padronesa.

Rosalía de Castro
Rosalía de Castro

O festival foi presentado na mañá deste martes no cuarto no que morreu Rosalía, onde segundo a súa filla, dixo como derradeiras verbas: “Abride a fiestra que quero ver o mar”. Neste acto participaron, ademais do presidente da Fundación, Anxo Angueira; representantes das institucións e empresas que apoian o evento: o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira; Cristina Codesido polo vermú Petroni; e Laura Cachón polas adegas Paco & Lola. 

Alén de propostas musicais, o sábado 14 de xullo terá lugar a Inchadiña Branca Vela, a xa tradicional subida en dorna de Valga a Padrón (haberá varios tipos de embarcacións tradicionais: dornas, galeóns, gamelas, bucetas, botes e gamelas), organizada en colaboración coa Asociación Cultural Dorna da Illa da Arousa. E, pola noite, concerto do grupo Habelas Hainas.

"ROSALÍA EN FESTA"

O día grande será o 15 de xullo, data do pasamento de Rosalía de Castro que celebraremos cunha xornada de portas abertas titulada “Rosalía en Festa” na Casa-Museo, na que ademais de actuacións musicais e unha feira con produtos rosalianos, haberá visitas guiadas por personaxes coñecidos ou especialistas, como a propia Mercedes Peón, o deseñador Pepe Barro -experto nas imaxes rosalianas-, o académico Xosé Luís Axeitos, os profesores Pilar García Negro e Manuel Lorenzo Baleirón ou o estudoso da horta rosaliana, Carlos Dacal.

Outro dos atractivos é a proxección do filme “Pelerinaxe lírica aos lugares rosalianos” (1951) comentada por Xosé Manuel Beiras, que estivo presente naquela xornada histórica para o galeguismo despois da Guerra Civil. Tamén haberá oferta para toda a familia, con contidos para os máis pequenos da casa: dúas sesións dun espectáculo de monicreques titulado “A viaxe de Rosalía”, de Larraitz Urruzola; e unha visita guiada especial para as crianzas protagonizada pola propia Rosalía (a actriz Mónica Caamaño), acompañada polo músico José Luís do Pico Orjais, que tamén estarán presentes ao longo do día en todo o festival.

Non faltará poesía na Casa da Matanza. Este día terá lugar un recital poético a cargo de Ana Blanco, Nuria Vil, Ismael Ramos, Paula Antía Rei e Cinta Adhesiva (espectáculo poético-musical), alén da presentación do Libro Escolar de Poesía que publicamos anualmente cos gañadores do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro que organizamos con El Corte Inglés. E tampouco faltará improvisación oral, da man da regueifeira (e cantora) Alba María, e dunha das figuras emerxentes do xénero en Galicia, Xairo d’Herbón, fillo doutra referencia, Pinto d’Herbón.

“QUERO VER O MAR” EN CARRIL

Como previa, Carril súmase á festa rosaliana cunha xornada o venres 13 titulada “Quero ver o mar” na que se inaugurará a exposición “Rosalía e o Carril” no Museo do Ferrocarril. Pola noite haberá lectura de poemas, dramatización do poema “Quero ver o mar” e unha recreación da derradeira viaxe en lancha que fixo Rosalía desde a praia á estación. A xornada rematará cunha actuación musical de Najla Shami. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta