En Marea esixe "solucións estables" á contaminación dos encoros galegos cada verán

Insta á Xunta a establecer medidas que permitan diminuír a poboación de cianobacterias e a súa toxicidade, que afecta a encoros coma o de As Conchas, en Ourense, e que supón "un revés importante para a economía e o turismo local".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2018 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

En Marea esíxelle á Xunta de Galicia un maior control sobre a cianobacteria que se instala nos encoros galegos todos os veráns e que provoca a súa contaminación. Concretamente, esta bacteria atopouse estes días no encoro de As Conchas, en Ourense, "algo que a Consellería de Medio Ambiente tiña que ter previsto e intentado evitar. Porén, non se tomaron as medidas oportunas e outra vez nos atopamos lamentando a contaminación verde das augas que comparten os concellos de Bande, Lobeira e Muíños", aseguran na Proposición de non lei os deputados Davide Rodríguez Estévez, Antón Sánchez Garcia, Marcos Cal Ogando e a deputada Anxeles Cuña Bóveda.

Contaminación do rego de San Fins, en Lousame
Contaminación do rego de San Fins, en Lousame | Fonte: ADEGA

Segundo en Marea, a proliferación das algas xa foi confirmada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a pesar do cal algunhas das zonas afectadas aínda contan con carteis que subliñan a "excelente calidade da auga". A contaminación do encoro produce unha "estampa e un olor moi desagradables" que poden supoñer un "revés importante para a economía e o turismo comarcal", polo que en Marea pide que sexa atallada de raíz para que non se repita cada verán. "As medidas que se teñen que adoptar non poden ser, como ata agora, parches locais que se demostraron claramente inapropiadas", aseguran.

SOLUCIÓNS A LONGO PRAZO

Así pois, esixen solucións estables a medio e longo prazo. Segundo as investigacións realizadas ata o de agora, as bacterias teñen a súa orixe nos nitratos e nos fosfatos dos fertilizantes e os xurros que empregan os produtores de patacas da Limia, algo que, segundo os deputados, cómpre ter en conta de cara a acadar solucións. Ademais, aseguran que hai medidas que xa se demostraron eficaces e que non se implantaron. O Centro Hidrobiolóxico do Con, de Vilagarcía de Arousa, levou a cabo un experimento que demostra que é posible controlar o crecemento das cianobacterias sen necesidade de recorrer a produtos químicos, servíndose só de procesos naturais. O centro empregou palla de cebada, labras e cortizas de eucaliptos e "conseguiu que os microorganismos nocivos minguaran e diminuíran a súa toxicidade", di En Marea.

Polo todo isto, instan á Xunta de Galicia a colaborar co Centro Hidrobiolóxico do Con para desenvolver e adoptar medidas que permitan diminuír a poboación de cianobacterias e a súa toxicidade e, por outra banda, incrementar os controis periódicos aos que son sometidos os encoros galegos que sofren contaminación por cianobacterias. "A pasividade da Xunta de Galicia non ten escusa", afirman. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 mareantes ignorantes

non se enteran de nada os mareantes... o da palla e o das cortizas de eucaliptos eu non o teño nada claro como remediación as cianobacterias, istes son organismos moi resistentes, incluso poden vivir en augas con niveis de ph extremos, e con altas temperaturas, incluso serán o organismo dominante cando a expansión do sol, o sol vaise transformar nunha xigante vermella, dentro de mil millons de anos as cianobacterias proliferaran debaixo dos desertos de sal no que ficaran convertidos os mares e océanos do planeta, mellor medida seria a instalación de redes ou estructuras flotantes con macrofitas ou algas que actuarían sobre o exceso de materias organicas, un.has procedentes de xurros de gaderiase outras de derivados de abonos (sustancias fosforo-nitroxenadas) claro que o mais loxico seria actuar sobre os que están vertendo no río, ir a causa do problema... (o da remediación polo eucalipto que din as mareas e de xente comunista de comisión)