Galicia contará cun observatorio contra a discriminación do colectivo LGTBI

O principal obxectivo, segundo a Xunta, será o de "promover a igualdade real e efectiva" deste colectivo, así como contribuír ao coñecemento da realidade da diversidade e identificar as "necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento" dos seus dereitos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2018 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, explicou este mércores que a Xunta creará un observatorio galego contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, de modo que Galicia será a terceira autonomía en contar cun órgano colexiado, consultivo e de participación social do colectivo LGTBI.

Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. Europa Press - Archivo
Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

Segundo informou o Goberno galego nun comunicado, así o anunciou a secretaria xeral nunha resposta parlamentaria, na que precisou que a Administración autonómica está a ultimar o texto do decreto para crear esta institución "a través dun diálogo constante" coas asociacións LGTBI.

O principal obxectivo do observatorio, segundo a Xunta, será o de "promover a igualdade real e efectiva" deste colectivo, así como contribuír ao coñecemento da realidade da diversidade e identificar as "necesidades e barreiras que impiden o pleno desenvolvemento" dos seus dereitos.

Ademais, López Abella lembrou que Galicia foi "a primeira Comunidade" en contar cunha lei que consolida a igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero --a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia--.

Entre outras medidas, a secretaria xeral destacou a creación da unidade de atención á transexualidade a persoas menores de idade dentro do Servizo Galego de Saúde (Sergas), así como as campañas de sensibilización escolar para evitar a discriminación por orientación sexual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta