Temas: CORRUPCIóN

O Concello de Verín persoarase como acusación na causa derivada da "Operación Enredadera"

O municipio pon a disposición da Fiscalía a documentación sobre un contrato da empresa investigada Bibomática. O concello afirma que tomou esta decisión en "defensa dos intereses dos veciños" de Verín.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 04/07/2018 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

O Concello de Verín (Ourense) anunciou este mércores que se persoará como acusación particular na causa derivada da 'Operación Enredadera', que afecta a diversos municipios do territorio nacional e que versa sobre supostos amaños en contratos de xestión policial.

Casa do Concello de Verín
Casa do Concello de Verín | Fonte: Wikimedia

O concello tomou esta decisión en "defensa dos intereses dos veciños" de Verín e co obxectivo de facilitar aos investigadores toda a documentación relativa ao contrato adxudicado por este municipio á empresa Bilbomática, implicada no caso, que colocou os radares desta localidade e que "reclama ao consistorio máis de 1,4 millóns por paralizar a súa actividade na vila".

A colocación de "elementos de seguridade" como radares e a xestión das importantes cantidades derivadas das sancións foille adxudicada en Verín á UT Bilbomática/Veicar Verín o 12 de novembro de 2014. Desde a súa chegada ao concello, o novo goberno local fixo o posible para "non aplicar este contrato", ao "non crer na procedencia dunha política recadatoria para a mellora do tráfico" na localidade. De feito, chegou a preguntar ao Consello Consultivo de Galicia a fórmula para anular este contrato.

A decisión de pór a disposición da Fiscalía a documentación relativa á contratación en 2014 deste servizo foi tomada polo goberno local para "salvagardar" o "interese xeral" dos veciños, tendo en conta "a elevada cantidade demandada polas empresas investigadas" ao concello e a posibilidade de que aquela forma de adxudicación "fose nula".

Por mor da paralización do contrato, a UTE presentou en 2017 unha demanda de resolución de contrato contra o Concello de Verín, reclamándolle, por unha banda 225.319 euros polos custos xa asumidos, máis de 631.000 en concepto de beneficio deixado de obter. Subsidiariamente, reclamaba outros 225.319 euros polo investimento e máis de 378.000 por lucro cesante por incumprimento de contrato.

Temas: CORRUPCIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta