Xa hai data e lugar para o Festival do Leite 2018, para promocionar a música feita en Galicia

Celebrarase o 15 de setembro en Pontevedra, no espazo da illa das Esculturas.

Por Galicia Confidencial | 2018 | 05/07/2018 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

O Festival do Leite 2018 celebrarase o 15 de setembro en Pontevedra. O evento, organizado pola marca Deleite, propiedade de gandeiros galegos, ten como obxectivo poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galicia.

Festival do Leite na pasada edición
Festival do Leite na pasada edición | Fonte: www.campogalego.com.

O Festival do Leite, un evento musical que naceu hai un par de anos con carácter itinerante, desenvolverá a súa edición 2018 en Pontevedra, no espazo da illa das Esculturas. Será a terceira edición do Festival do Leite, tras as celebradas o pasado ano en Lugo e no 2016 en Santiago. Igual que nas anteriores edicións, contará exclusivamente con bandas e artistas galegos, afincados ou relacionados con Galicia.

O Festival do Leite naceu da man da marca Deleite Galego, propiedade de gandeiros galegos. O obxectivo de Deleite co Festival é dobre. Búscase poñer en valor a importancia do sector lácteo para Galicia a través dun evento festivo que, a súa vez, sitúa á música feita en Galicia como gran protagonista.

O evento, que será un ano máis de acceso libre, congregará en Pontevedra a unha escolma dos mellores grupos musicais galegos do momento, con concertos que se desenvolverán ao longo de toda a xornada. Durante o día, haberá tamén espazos reservados para actividades infantís, así como postos de comida para quen queira pasar no Festival toda a xornada.

A presentación do Festival desenvolveuse esta mañá en Pontevedra, nun acto no que participaron o alcalde local, Miguel Anxo Fernández Lores, e os coordinadores de comunicación de Leite Noso, a empresa que comercializa a marca Deleite. O cartel de grupos e de actividades que conforma o Festival anunciarase proximamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta