A revisión do plan forestal de Galicia, a consulta pública desde este xoves

O documento chega a esta fase de tramitación "cun consenso de base sobre os seus contidos", segundo destaca a Consellería de Medio Rural.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/07/2018 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este xoves unha orde da Consellería de Medio Rural pola que se aproba inicialmente a primeira revisión do plan forestal de Galicia e procédese á apertura do trámite de información pública por un período de tres meses. Durante este prazo, a documentación poderá ser examinada na Dirección Xeral de Ordenación Forestal e nesta dirección

Souto de Santa Eufemia, Folgoso do Courel (Lugo), Premio Bosque Ameazado 2010. FRAN NIETO, BOSQUES SIN FRONTERAS /EUROPA PRESS / Europa Press
Souto de Santa Eufemia, Folgoso do Courel (Lugo), Premio Bosque Ameazado 2010. FRAN NIETO, BOSQUES SIN FRONTERAS /EUROPA PRESS / Europa Press

O plan chega así até esta fase de tramitación "cun consenso de base sobre os seus contidos", segundo destaca a Consellería de Medio Rural nun comunicado de prensa no que engade que poderá "seguir incorporando agora novas achegas" para "enriquecerse aproveitando o período de información pública". "De feito, o documento que sae a exposición pública incorpora xa boa parte das suxestións do sector, formalizadas no seo do Consello Forestal de Galicia", resalta o departamento autonómico.

En decembro de 2017 presentouse neste foro o borrador da primeira revisión do plan e acordouse cos seus membros o envío de propostas para mellorar o documento. Até agora, segundo indica Medio Rural, recibíronse suxestións de diferentes asociacións representantativas do sector, así como de organizacións profesionais agrarias, cooperativas, etcétera.

Entre as ideas incorporadas ao texto, destaca varias "centradas no consenso no que se basearán as decisións relacionadas coa distribución de especies forestais ou as necesidades do sector ante os cambios motivados pola normativa futura, polas limitacións que se poidan establecer desde o punto de vista ambiental".

'SILVICULTOR ACTIVO'

Tamén, segundo prosegue a consellería, incorpóranse diferentes achegas que teñen que ver coa creación da figura do silvicultor activo, a ordenación e fomento de aproveitamentos non madeireiros ou o apoio á produción de madeira de calidade.

Ademais, "intégrase o termo superficie silvícola madeireira na planificación e ordenación do territorio forestal e amplíanse as opcións xurídicas que sosteñen ás agrupacións para a xestión conxunta de montes, promovendo en todos os casos melloras fiscais", destaca. Outra das achegas incorporadas ten que ver co fomento da plantación de frondosas autóctonas en áreas xeográficas vinculadas aos camiños de Santiago, para contribuír ao mantemento e adecuación propia destas vías e á creación de áreas de descanso para dar sombra.

A maiores, a Consellería de Medio Rural afirma que na elaboración do documento do plan teranse en conta as conclusións da comisión especial de estudo e análise da política forestal e os incendios do Parlamento galego, que, segundo indica, están "en fase de elaboración".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

As conclusións da comisión especial consisten en remitirlle 19.000 cartas aos galegos que non rozaron as fincas para cobrarlles 1.000 € de vellón polo papeliño ? Se alguén sentara de vagar diante dun mapa de Galicia e marcara 50 metros arredor das casas, granxas, e demáis alpendres legalizados en solo rústico daquela maneira... a conclusión non podería ser outra que Galicia serán un DESERTO antes de que pasen 20 anos !!! Esta é a gran política conservacionista do PP que algúns aplauden sen saber siquera o que representa !!!