Feijóo: "Galicia foi moi xenerosa atrasando o AVE"

Comezan as obras da estación de autobuses, cunha contía de licitación de 10,4 millóns

Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/07/2018 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

A construción da estación intermodal compostelá comezaron xa na capital galega co obxectivo de contar con ela para a celebración do Xacobeo 2021. Será a primeira estación destas características en Galicia, aínda que o resto tamén están en marcha, e suporá un "cambio de hábitos na mobilidade" da cidade, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Arrincan as obras da estación intermodal de Santiago
Arrincan as obras da estación intermodal de Santiago | Fonte: Europa Press

"Galicia foi moi xenerosa atrasando (os prazos da alta velocidade) e estámonos preparando para recibir o AVE coa estación intermodal que agora comeza", proclamou o mandatario autonómico, nun acto no que tamén interveu o alcalde compostelán, Martiño Noriega, quen agradeceu á Xunta o seu esforzo neste investimento.

Durante a súa intervención, após a que todos os asistentes fixeron un percorrido polas obras —que está en fase de roza e proximamente implicará o derrube da antiga fábrica de Koipe—, Feijóo fixo un repaso sobre a infraestrutura, para o que "primeiro houbo que conseguir financiamento".

En total, a Xunta achega 12 millóns de euros en total de investimento (a obra que fai a Administración autonómica, da estación de autobuses, ten un custo de licitación de 10,4 millóns), mentres que se cofinanciarán as obras da pasarela que unirá os barrios do Ensanche e Pontepedriña, e para o que achegará unha parte o Concello.

Así, Feijóo subliñou que as obras da intermodal son a proba de que Galicia "está preparada" para recibir o AVE e lembrou que os traballos da de Ourense comezarán tamén en próximas semanas. E con esta obra, empeza a "materializarse o novo modelo de transporte público en Galicia", que está "a vivir a maior renovación dos últimos 40 anos.

"NON É UN DÍA CALQUERA"

Coa futura "estación total", como se chama tamén, a capital galega aglutinará autobuses, ferrocarril e taxis e servirá de lanzadeira cara ao aeroporto de Lavacolla. "Non é un día calquera para Galicia porque esta é a primeira estación intermodal que estamos a iniciar", sinalou.

Feijóo tamén destacou que este proxecto é posible grazas a que adaptou a lei que facilita a tramitación urbanística dos proxectos de interese público, o que á súa vez permitiu adaptar o plan de ordenación municipal en sete meses. "Estamos nun momento importantísimo para o transporte" e para "mellorar" a competitividade turística.

"ATRACTIVO" E "RESPECTUOSO"

O presidente da Xunta destacou, ademais, que o proxecto é "atractivo" e "respectuoso en volumes e deseño arquitectónico" e, ademais, contará con máis dársenas de autobuses das que hai actualmente en San Caetano. Tamén haberá un balcón ao río Sar e unirá dous barrios historicamente separados polas vías do tren.

"Evidentemente, se o AVE non chegase a Santiago, a utilidade desta estación sería ben distinta", advertiu o presidente, antes de indicar que a chegada da alta velocidade será un antes e un despois para Galicia e de lembrar que o inicio da súa circulación en probas está previsto para finais do 2019.

"Nós imos manter a esixencia leal con este Goberno, do mesmo xeito que a mantivemos co anterior", insistiu Feijóo, nunha mensaxe que repetiu nas últimas semanas, após o cambio de Goberno central.

Pola súa banda, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, lembrou que a estación é unha "demanda histórica" da cidade e subliñou que a pasarela unirá dous barrios, á vez que facilitará a eliminación de barreiras de infraestruturas. Así, agradeceu a Adif e Xunta que "fagan posible" cumprir con "unha demanda" que "poderán gozar os veciños" composteláns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Leike

Feijoo foi sempre moi traidor ao seu país sumíndoo no atraso