Critican o uso de fondos públicos para "tentan tapar" o "desastre" da mina de Touro no río Portapego

O Concello de Touro, dirixido polo popular Ignacio Codesido, gastou en 2017 uns 24.500 euros na limpeza da rede de saneamento polos continuos colapsos que xeran os lodos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/07/2018 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

A asociación Aldea Viva criticou que as administracións utilizan fondos públicos --un total de 300.000 euros, segundo os seus números-- para "tentar tapar" o "desastre" que provoca a acción mineira de Touro (A Coruña) no río Portapego --afluente do río Lañas, e este, á súa vez, do Ulla--.

Río Portapego, en Touro, con verteduras derivadas da mina. ASOCIACIÓN PETÓN DO LOBO - Archivo
Río Portapego, en Touro, con verteduras derivadas da mina. ASOCIACIÓN PETÓN DO LOBO - Archivo | Fonte: Europa Press

Nun comunicado, a plataforma explicou que o caudal mantén unha cor "avermellada", orixinado "pola oxidación dos sulfuros da mina", ademais dunha "falta de vida reflectida" como permiten observar, ao seu xuízo, as "herbas queimadas polas augas acedas nas marxes do río".

A continuación, Aldea Viva dixo que, aínda que "isto non ten nada de novo, dada a xa coñecida situación ambiental do municipio", resúltalle "escandaloso" a cantidade de diñeiro público que se gasta en "supostamente" solucionalo "sen resultado ningún".

Así, a asociación censurou a execución de varias obras, "todas tan infrutuosas como custosas", ademais dun proxecto de saneamento da Deputación da Coruña, fondos europeos para recuperación ambiental e retirada de metais pesados, e investimentos da Xunta. "En total, máis de 300.000 euros gastados nun ridículo treito de trescentos metros de río", esgrimiu a entidade.

Así mesmo, a organización tamén reprochou ao Concello de Touro, dirixido polo popular Ignacio Codesido, que gastase en 2017 uns 24.500 euros "na limpeza da rede de saneamento polos continuos colapsos que xeran os lodos e outros materiais procedentes da mina".

Por todo iso, Aldea Viva propón que sexa a empresa propietaria dos terreos, Explotacións Galegas S.L., a que "asuma" estes gastos "e non o erario público", xa que se trata dunha actividade extractiva "privada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta