Desprendementos de terra e inundacións en varios puntos da provincia de Ourense

Segundo informa o CIAE 112, non houbo que lamentar feridos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2018 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

As choivas torrenciais caídas nas últimas horas a consecuencia dos episodios tormentosos vividos na provincia de Ourense provocaron desprendementos de terra e inundacións en varios municipios, como Xunqueira de Espadañedo, San Amaro e Parada de Sil.

As fortes chuvias causaron inundacións nas rúas
As fortes chuvias causaron inundacións nas rúas | Fonte: Facebook

A práctica totalidade da provincia de Ourense permanecía o pasado sábado, do mesmo xeito que Lugo, baixo aviso amarelo ante a previsión da Aemet de tormentas con fortes chuvascos. No entanto, segundo informa o CIAE 112, non houbo que lamentar feridos. Así, as fortes choivas arrastraron a vexetación dos montes, que acabou ocupando as vías de comunicación, afectando así o desprazamento por estrada nestas áreas da provincia.

A central do 112 recibiu numerosas chamadas ao fío das 21,00 horas solicitando axuda para retirar as pedras e elementos que a auga arrastrara até as rúas, que se atopaban completamente alagadas.

Os servizos da Deputación de Ourense desprazáronse a estes lugares para proceder á limpeza das vías, tarefas nas que tamén colaboraron os efectivos de Protección Civil das localidades afectadas. Ademais, no Concello de Xunqueira de Esapadañedo, os desprendementos afectaron especialmente á zona onde están situadas as barracas de feira na parroquia de O Barrio.

CASA ALAGADA

Na parroquia de Ramil, tamén situada no municipio de Xunqueira, un veciño solicitou axuda aos servizos de emerxencia debido á inundación da planta baixa dunha casa, provocada polo efecto de arrastre de vexetación que causaron os chuvascos.

A rúa principal de San Amaro tamén resultou alagada polas choivas, do mesmo xeito que o lugar de Paradellas, en Parada de Sil, que quedou incomunicada debido ás riadas. Membros do GES e Protección Civil de Castro Caldelas tiveron que intervir para restablecer a normalidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta