Yolanda Díaz cre que Villares "ten a oportunidade de rectificar os erros cometidos"

A deputada de En Marea no Congreso móstrase "preocupada" polo rumbo tomado pola esquerda rupturista e cualifica de "erro" o xurdimento de novas mareas en Ferrol.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2018 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

A deputada de En Marea no Congreso Yolanda Díaz cre que o portavoz rupturista, Luís Villares, "ten a oportunidade de rectificar os erros cometidos", entre os que sinalou que  membros da coordinadora do partido instrumental apoien o xurdimento de Marea de Ferrol, proxecto escindido de Ferrol en Común.

Yolanda Díaz e Luís Villares na campaña electoral de 2016
Yolanda Díaz e Luís Villares na campaña electoral de 2016 | Fonte: Europa Press

"É unha tristeza, dígoo como o sinto, é a miña cidade, aquí si que son clarísima. Paréceme un erro o que se está facendo, hai que construír, hai que tecer, hai que sumar, e o que non é coherente co que se ten dito até agora, que os gobernos existentes ímolos a respectar, e é un erro que desde a coordinadora de En Marea se esté a impulsar a creación doutra marea na cidade. Eu estarei con Jorge Suárez, apoiando ese proceso de cambio", apuntou.

Así se expresou a parlamentaria, excoordinadora nacional de Esquerda Unida, nunha entrevista na Cadena Ser este domingo na que lamentou a ausencia de Luís Villares no Encontro Municipalista celebrado a pasada semana en Ferrol e que reuniu a unha vintena de mareas locais.

O maxistrado lucense xustificou a súa ausencia alegando que non fora convidado pola organización. Fronte a isto, Díaz sinalou que ela, do mesmo xeito que os seus compañeiros no Congreso, formalizaron a inscrición para o encontro de maneira telemática. "Creo que non lle teño que dicir o que ten que facer ninguén, pero gustaríame que o pasado sábado estivese todo o mundo en Ferrol", apostilou.

Nesta liña, chamou a "remar todos na mesma dirección", "a tecer" en lugar de "destecer" como, ao seu xuízo, está a actuarse desde os sectores que controlan os órganos de dirección nunha En Marea que atravesa unha situación de división interna desde hai máis dun ano que se viu avivada por diferentes factores nos últimos meses.

"Facemos ruído. Eu sei que Galicia é complicada porque temos unha maioría absoluta de Feijóo, pero só podemos gañar se tecemos unha malla profunda desde abaixo para chegar até arriba", remarcou Yolanda Díaz, que non escondeu que se atopa "preocupada" polo rumbo tomado pola esquerda rupturista en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 26 comentarios

3 Loisc

Que fale Yolanda Díaz de lealdade... Que lle pregunten a Beiras o leal que son Yolanda Díaz e Podemos na Marea..

2 Mazaira

Ti o que estas e a vivir, xa que non tes oficio nin beneficio. Eres umha impresentable.

1 comunista independentista

O que é impresentábel é o teu desprezo pola ortografía do galego.

1 Mareanta

E ven a máis cínica a falar de unidade...