As piscinas gratuítas do Monte do Gozo reabren este martes con melloras

O parque dispón de 5.000 metros cadrados de zonas verdes, con zonas de picnic, running, disc-golf e recepción de peregrinos dacabalo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2018 | Actualizada ás 17:37

Comparte esta noticia

Turismo de Galicia reabre este martes 10 de xullo as piscinas públicas do Parque Monte do Gozo para todos os veciños e visitantes de Santiago, por segundo ano consecutivo, ´despois do éxito na súa estrea o verán pasado.

Piscina gratuíta situada no Parque Monte do Gozo de Santiago.. XUNTA
Piscina gratuíta situada no Parque Monte do Gozo de Santiago.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Así o anunciou a Xunta nun comunicado no que explica que o acceso ás piscinas será gratuíto, cun "amplo horario" comprendido entre as 10,30 e as 20,30 horas, todos os días da semana até finais do mes de setembro. 

Os usuarios, segundo sinalou o Goberno galego, poderán utilizar a piscina para adultos, cunha superficie de 239 metros cadrados, e a piscina infantil e o pediluvio, comunicados con plataformas de pedra sobre a auga. Esta intervención foi finalista nos Premios Lledó e nos FAD de Arquitectura.

As instalacións tamén disporán de servizo de socorrismo, atención e mantemento ao longo deste tres meses, tal e como apuntou a Xunta, e están equipadas con elementos como hamacas ou parasois nas súas zonas verdes. Así mesmo, contan con vestiarios e aseos completamente renovados.

Ademais, segundo destacou o Executivo autonómico, no último ano ampliouse o investimento con "novas actuacións de mellora". Así, apunta que se destinaron máis de 37.000 euros para a "optimización" da ventilación na sala de máquinas, a instalación de equipo biosanitario, bancos de exterior e a substitución da tarima de madeira na zona de solarium, para "reforzar as condicións de seguridade".

Ás anteriores melloras hai que sumar a eliminación das barreiras arquitectónicas nos accesos, tanto nos pavillóns pétreos como coa colocación de tapas de arquetas de rexistro e a sinalización dos chanzos existentes.

CASE 5.000 METROS CADRADOS DE ZONAS VERDES

Nesta liña de actuacións, a Xunta sinalou que tamén se realizou unha intervención por valor de máis de 48.000 euros para "ampliar" o céspede natural até alcanzar unha superficie de 3.300 metros cadrados, que se suman aos 1.500 xa existentes repartidos en tres zonas na contorna das piscinas.

O Goberno galego lembrou que a creación das piscinas forma parte do 'Plan de Revitalización do Parque Monte do Gozo', un "espazo simbólico" ao final do Camiño de Santiago no que a Xunta leva investidos máis de 2,5 millóns de euros nos últimos anos.

Deste xeito, apuntou que grazas a este orzamento "incrementouse o atractivo deste pulmón da capital galega", como "un espazo de convivencia entre camiñantes e residentes".

A PUNTO PARA O XACOBEO 2021

O acondicionamento do Parque Monte do Gozo recuperou os usos de distintas zonas, segundo indicou o Executivo autonómico, como é o caso do recinto de festivais, que a pasada semana acolleu "con éxito" a 84.000 persoas nas tres xornadas de 'O Son do Camiño'. Ademais, este verán volverá acoller un novo concerto que ofrecerá Ricky Martin o vindeiro sábado 18 de agosto.

Con vistas ao Xacobeo 2021, o Goberno galego asegurou que "segue traballando" na "posta a piques de todo o recinto", que conta cunha superficie de 600.000 metros cadrados. As intervencións paisaxísticas culminaron coa plantación de especies autóctonas, mobiliario, sinalización, adecuación de camiños, espazos de picnic e lecer, circuítos de 'running', 'disc-golf' e un centro de recepción de peregrinos dacabalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta