Os retos cara a igualdade de xénero das labregas e pensionistas

En Galicia hai máis de 30.000 labregas que non son titulares da explotación na que traballan e que figuran como axuda familiar". Esta situación provoca que "a maior fenda salarial entre sexos na Galiza sexa no sector da agricultura, gandeiría, silvicultura e pescam onde se sitúa no 31.9 %", segunda unha experta en Seguridade Social.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/07/2018 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Victoria Portas, experta en Seguridade Social, denuncia nun escrito que hai menos mulleres que homes percibindo pensión contributiva de xubilación, e ademais, as pensións galegas son as máis baixas do Estado. Por iso, asegura que os retos cara a igualdade pasan por tres eixos: rematar coa precariedade laboral e a fenda salaria; poñer en valor a economía dos coidados e da conciliación; e reformar as pensións dende unha perspectiva de xénero.

Regueifeiras participantes no II Encontro de Mulleres Repentistas de Galiza
Regueifeiras participantes no II Encontro de Mulleres Repentistas de Galiza | Fonte: Regueifestas

En Galicia hai máis de 30.000 labregas que non son titulares da explotación na que traballan e que figuran como axuda familiar. Segundo Portas, esta situación provoca que "a maior fenda salarial entre sexos na Galiza sexa no sector da agricultura, gandeiría, silvicultura e pescam onde se sitúa no 31.9 %". Ademais, "se non aparecen como cotitular, non cotizan e carecen de dereitos e ingresos propios". Apenas o 5% das labregas galegas se xubilan coa pensión íntegra, fronte ao 80% dos homes que traballan no campo. Se ben a Lei de Titularidade Compartida dá ás labregas a posibilidade de figurar como cotitulares do negocio familiar de explotación agraria, "esta medida non acaba de callar no rural galego - en outubro de 2016 só 17 mulleres solicitaron a cotitularidade -".

Doutra banda, Victoria Portas pon o foco de atención na necesidade de revalorizar a economía dos coidados e da conciliación. As mulleres seguen asumindo o 94% das excedencias por cuidados de crianzas e o 85% das excedencias para cuidar enfermos e anciáns. "As nosas mulleres son as máis afectadas polo emprego parcial. Conciliar non é ter os nenos todo o día no colexio e logo ludotecas para poder traballar, ese non é o concepto da conciliación. Dános tristura ver como a xente maior se queixa de estar soas ou nas residencia de anciáns... Pero acaso se ten outra saída?", quéixase Portas.

AS PENSIÓNS

A esixencia de vidas laborais prolongadas dificulta que as mulleres poidan acceder a unha pensión. Desta maneira, a configuración do sistema de pensións español "non alivia as desigualdades de xénero no mercado laboral e mesmo as perpetúa". Portas asegura que as últimas reformas do sistema acentúan a fenda de xénero pola ampliación do período de cotización necesario para conseguir o total da pensión de xubilación e o aumento do número mínimo de anos cotizados.

"Este comportamento claramente patriarcal na política actual mantense a base de que as mulleres levemos o peso da atención á infancia e á dependencia. E non só se perpetua a desigualdade, senón que ademais provoca 'feminización da vellez'", asegura Portas. Deste modo, a muller, aínda que vive unha media de 5 anos máis que os homes, ten menor nivel de saúde e maiores posibilidades de acabar como dependente e caer en niveis de pobreza.

UN PLAN DE EMPREGO PARA AS MULLERES

É pois, "unha necesidade perentoria reflexionar sobre os efectos que provoca o actual sistema nas persoas que adican parte da súa vida a coidar aos nenos e ás persoas dependentes  e repensar posibles alternativas para superalo". "Elaborar un Plan de Emprego para as Mulleres, que incida na incorporación das mulleres ao emprego remunerado, recolla medidas concretas para garantir o principio de a igual traballo igual salario e incorpore liñas específicas para atallar a discriminación das mulleres nos ámbitos produtivos (labregas, mariscadoras, redeiras...) é fundamental".

Victoria Portas remata o seu comunicado citando ao poeta Manuel María, que dicía: "As mulleres galegas labregas, / mariñeiras, artesás, obreiras, / pasado, pobo, presente, / alma e futuro de Galicia / as que non foron cantadas”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta