GC Aberto
Temas: EN MAREA

A radicalidade democrática fronte ao despotismo partidario (II)

Vivimos tempos escuros para a política do noso país, tempos nos que o cainismo e a traizón aos principios políticos e ideolóxicos de cada organización son o noso pan de cada día. -Artigo elaborado por Xurxo Triñanes e Beatriz Gómez-

Por BGG | GC ABERTO | 11/07/2018

Comparte esta noticia

A cotío vemos como na defensa de intereses de parte, hai quen tenta sistemáticamente dinamitar os movementos políticos populares, investindo as súas forzas exclusivamente na defensa dos seus cargos e liberados. A pesares de afirmar, de palabra, pular pola unidade popular e manter que a súa ética basease nos coidados, na solidaridade, no apoio mutuo e a confianza entre compañeiras, coas suas accións denostan e arremeten habitualmente contra a voz dos comúns, das bases sociais, constatando que o único que lles preocupa é a súa posición e o seu poder. No caso de En Marea e o espazo das mareas municipalistas, isto vese amplificado por aquelas partes interesadas que pretendían manter unha coalición encuberta, tentando pervertir o funcionamento do partido instrumental facendo del un espazo de parte que as cúpulas partidarias dirixirían por detrás ao seu antollo.

Plenario de En Marea
Plenario de En Marea

Mais compre lembrar aquí que En Marea naceu para superar precisamente as coalicións de partidos e partidiños, que so benefician a quen buscan un reparto de postos entre cúpulas dirixentes, negando o poder de decisión ás persoas, e promover un espazo soberano de adscrición individual, onde as decisións as toman as inscritas e non as cúpulas partidarias en despachos pechados e mesas de notables. Un espazo precisamente a imaxe e semellanza de moitas mareas plurais por todo o país. Cómpre recordar isto porque hai partidos que moi a miúdo e sobre todo nos últimos tempo o esquecen, pretendendo mover os marcos e volver a coalicións obsoletas e incluso algúns impor unilateralmente o nome co que as mareas deben concorrer ás eleccións de 2019 se queren ser santificadas por eles, converténdoas en meras sucursais ao seu servizo.

A estes partidos e partidiños que agromen multitude de mareas municipalistas impulsadas polas bases fora do seu control como está a acontecer, fai que vexan peligrar os seus postos e postiños, cargos e liberados a soldo, ao non poder manexar o barco ao seu gusto e conveniencia. Eses cargos que miran máis os seus intereses persoais que os das maiorías sociais identifícanse facilmente: prefiren o postureo e saír nas fotos "cos colegas" para falar de si mesmos (non vaia ser que perdan o postiño) a arroupar as xustas reivindicacións das xentes do común.

A eses cargos cómpre lembrarlles que o municipalismo vai alén de partidos partes e coalicións, e que En Marea é un proxecto galego, diverso, policromático, cooperativo e respetuoso, porque igual ao levar tanto tempo sen pisar un plenario de En Marea se lles esqueceu.

Porque a eses cargos partidarios, as mareas municipalistas realmente independentes sonlles unha molestia, e como lles molestan para os seus plans o que queren e dinamitar o proxecto para manter a súa posición. Por iso teñen a desfachatez de clasificar ás candidaturas municipalistas en mellores e peores, de primeira e de segunda, orixinais e copias, segundo lle sigan a corda. Evidentemente “as boas” mareas (e que de xeito convinte son previa e publicamente santificadas) son aquelas que poden dirixir, e que mesmo usan para condicionar a vontade do resto para os seus intereses de control do espazo. Mesmo non dubidan en empregalas como cabalo de troia, prostituíndo ata a indecencia a ética e os valores democráticos cos que naceu o espazo, para imporlle ao partido instrumental galego os seus verdadeiros obxectivos e aspiracións de parte e personalistas.

Por que, poden as lectoras imaxinar o que dirían da dirección de En Marea se lle exixiran a Podemos, Esquerda Unida, Anova ou a calquera marea do país cómo e cándo teñen que convocar as súas primarias sin contar coa vontade das súas propias inscritas?. Pois iso é o que pretenden facer con En Marea dende as cúpulas partidarias. A falla de só 6 meses para que o Consello e a Coordinadora de En Marea cumpran o mandato polo que foron elixidos democraticamente, pretenden adiantar unha nova elección dos órganos de En Marea de xeito unilateral sen contar coa opinión das inscritas.

E a que se deben estas presas? Pois precisamente a que os acontecementos recentes fan que o grao de perda de control do espazo poida chegar a un punto de non retorno para eles. Que ducias de candidaturas que, sen discriminar o seu tamaño, se son rurais ou urbanas, se gobernan ou están na oposición, sen perder a súa soberanía local e en pé de igualdade, sen imposicións de nomes ou marcas de parte, tomasen a decisión de unirse baixo un mesmo paraugas electoral xunto co espazo do cambio a nivel nacional deixa en fora de xogo as cúpulas partidarias. Os peixes pequenos gañaríanlle a partida aos grandes, e iso fai que afloren os nervios desas partes.

Por iso, agora que moitas mareas municipalistas están asinando os protocolos de colaboración con En Marea, hai partidos e persoas que queren botar ese traballo fraterno por terra, porque precisamente con esas sinaturas, con esa unión por abaixo en pé de igualdade, desmorónase a súa folla de ruta. Para iso non dubidan en cambiar no ultimo minuto as regras do xogo, o campo e ata o árbitro as veces que faga falla, para recuperar desesperadamente o control, o manexo do barco que tanto ansían.

Por sorte en En Marea aínda deciden as inscritas, non as cúpulas nin as coordinadoras de ningún partido ou candidatura, como puideron comprobar algunhas delas ó seu pesar hai xusto un ano no plenario de xullo de 2017. Foi precisamente ese revés o que esas cúpulas nunca perdoarían. Poren a dirección de En Marea, mal que lles pese a moitas que a diario saen a tirar pedras contra ela, está aplicando as directrices e acordos aprobados nos plenarios e nos encontros polas inscritas. Encontros e plenarios que eses cargos partidarios non pisan porque no fondo e cos feitos, desprezan a democracia asemblearia e radical da unidade popular que iguala a todas as inscritas. Porque o que a eles realmente lles convén son as mesas pechadas onde repartirse o pastel, isto é: manter o seu despotismo de unidade cupular.

Temas: EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Marga

Casta, casta, casta...