O PP defende o seu modelo na CRTVG fronte a "televisión de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias"

Toda a oposición censura o control e a manipulación informativa que os populares fan nos medios públicos tras a dimisión dos presentadores Alfonso Hermida e Tati Moyano.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostelaa | 10/07/2018 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

O PP insiste en defender o seu modelo de televisión e radio pública, a pesar das continuas críticas dos profesionais, asociacións e partidos da oposición de control e manipulación da información. Así o volveu a demostrar este martes tras votar en contra dunha proposición de reforma da lei vixente da CRTVG presentada polo PSdeG. Entre os argumentos; que o seu modelo é mellor que "a televisión de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias".

Sede da TVG en San Marcos. Foto: CIG
Sede da TVG en San Marcos. Foto: CIG

Os diferentes grupos parlamentarios da oposición reclamaron transparencia e independencia da CTRVG. Unha reclamación que chega nun contexto no que as traballadoras da televisión pública se seguen manifestando contra a censura a través dos xa coñecidos "venres negros" e no que dous profesionais, Alfonso Hermida e Tati Moyano, dimitiron como presentadores dos informativos. 

Con esta acción pretenden “garantir que o servizo público se leve a cabo cos máximos estándares de calidade”, porque -dixo Luis Álvarez Martínez, deputado do PSdeG- “parece razoable que sexa una autoridade independente quen o afirme” e non un membro do Consello de Administración.  Así mesmo, asegurou que “Galicia non aposta pola súa industria cultural e polo tanto está avocada á incultura”.

APOIO DE EN MAREA E BNG

Tanto En Marea como o BNG apoiron esta proposición. Olaia Rodil, do BNG, amosou o seu respaldo aos traballadores da CRTVG e o seu recoñecemento aos dous xornalistas que dimitiron. Asegurou que a radio e televisión galega “vai mal e leva mal moito tempo” e apelou ao PP cando dixo que “nunca quixo rematar co control nin coa posibilidade de colocar as súas mensaxes propagandísticas en milleiros de casas. Ía perder ese poder? Non tiña intención ningunha”. Con todo, o BNG considera que “esta reforma non vai solucionar todos os males”. Para iso, di, precisaríase outra lei diferente.

“Detrás están os recortes e a falta de vontade política”, asegurou Paula Vázquez Verao, de En Marea. Na súa intervención recordou a cobertura por parte da TVG da manifestación contra a mina de Touro, na que “non se deu unha imaxe global porque na televisión pública as mobilizacións ocúltanse”. Tamén Rodil fixo alusión á noite en que “nos tiñan a todas vendo o Land Rober mentres ardía Galicia polos catro costados” como exemplo desa falta de independencia.

En contraposición, dende o PP,Raquel Arias Rodríguez asegurou que a lei vixente “garante a independencia do servizo público”. Así mesmo, dixo sentirse “orgullosa de que o goberno galego non tivera nunca a intención de intervir nos órganos de goberno da CRTVG” e pediu á oposición que non intentaran importar “o modelo de televisión de Pedro Sánchez e Pablo Iglesias”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Lalo

Para ser un altavoz de propaganda do PP, e mellor que pechen a RTVG e dedicar eses millóns de euros a lei de dependencia o a outras cuestións máis importantes