Temas: EMIGRACIóN

Emigración cifra en 6.202 os emigrantes retornados a Galicia en 2017, un 21% máis

2.163 proceden de Venezuela, 837 de Suíza, 338 de Brasil, 305 de Reino Unido e 302 de Estados Unidos, entre outros países

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2018 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, informou de que, só en 2017, regresaron a Galicia 6.202 emigrantes retornados, o que supón un incremento do 21% respecto dos datos do 2016, e case o dobre que en 2009. Así, volveron a Galicia 1.077 persoas máis que en 2016, procedentes principalmente de América —na súa maioría de Venezuela— e Europa.

Visita de Rodríguez Miranda á tenda dunha emigrante retornada en Santiago.
Visita de Rodríguez Miranda á tenda dunha emigrante retornada en Santiago. | Fonte: Europa Press

Durante a súa visita á tenda dunha emigrante retornada en Santiago, beneficiada polas 'Axudas ao Retornado Emprendedor', Miranda asegurou que estas cifras supoñen un "apoio obxectivo" aos plans da Xunta en materia de emigración e regreso, entre os que destacou a 'Estratexia Retorna 2020' —aprobada o pasado 12 de abril—.

Por países, o secretario xeral dá Emigración destacou que o lugar de orixe principal dos galegos que regresaron é Venezuela, segundo as estatísticas publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Do país suramericano volveron, en concreto, un total de 2.163 persoas.

Por outra banda, Suíza é o segundo país que achegou un maior número de retornados galegos, con 837; seguido de Brasil, con 338; o Reino Unido, con 305; e os Estados Unidos, con 302. Tal e como traslada o INE, outros países con datos significativos son Francia e México, ambos con 214 persoas; e Alemaña, con 213.

Deste xeito, un 25% dos galegos que volveron proceden de Europa e máis do 60% de América.

Así mesmo, Miranda apuntou que, dos 6.202 galegos retornados en 2017, o 78% —uns 4.865—- ten menos de 65 anos, e só o 21,56% —1.337— son maiores. Ademais, indicou que máis da metade deles —un total de 3.255— son menores de 45 anos, e a franxa de idade "máis numerosa" é a de menores de 16 —998 nenos—. No entanto, sinalou que aínda "hai 500.000 galegos fóra de Galicia".

AXUDAS AO EMPRENDEMENTO

Durante a súa visita á tenda Le Petit Coin, Miranda incidiu en que a 'Estratexia Retorna 2020', a través das 'Axudas ao Retornado Emprendedor', permitiu nos últimos anos "pór en marcha preto dun cento de proxectos en toda Galicia. O prazo para a convocatoria de 2018 permanecerá aberto até o 28 de setembro.

O local que visitou Miranda este martes correspóndese coa tenda de decoración e roupa para nenos situada en Santiago de Compostela, e fundada por Adriana Asorey, unha moza que após traballar cinco anos como consultora enerxética en Bélxica, regresou a Galicia. Con ano e medio de vida, a empresa tamén vende produtos a toda Europa a través de Internet.

O responsable de Emigración agradeceu a Adriana Asorey e a "outros miles de galegos que cada ano regresan á súa terra", "non só que volvan, senón que o fagan cargados de ilusión e proxectos". Así, asegurou que "a súa mocidade e experiencia importada doutros países de acollida fan de Galicia un país novo, máis forte e máis competitivo".

Por iso, insistiu en que o Goberno galego "é consciente de que eles, do mesmo xeito que o resto de galegos nados na Galicia territorial, son o presente e o futuro" da terra, á que "poden axudar a superar o reto demográfico que vive".

VISIÓN DUNHA EMIGRANTE RETORNADA

Pola súa banda, a propia emprendedora asegurou que as axudas lle "permitiron dar un primeiro impulso e respiro" para pór en marcha o seu proxecto, que se centra na "potenciación do comercio local no centro histórico de Santiago".

A moza animou aos galegos que se atopan no exterior a establecerse de novo en Galicia e a desenvolver proxectos que, "dentro de cinco anos, sigan existindo e a xente siga traballando neles" para "establecerse de forma definitiva en Galicia".

ESTRATEXIA RETORNA 2020

A 'Estratexia Retorna 2020' inclúe, ademais destas axudas aos retornados, outras 52 medidas que abarcan todos os ámbitos que condicionan o regreso dos galegos, tal e como sinalou o Goberno galego, e proporcionan subvencións que facilitan o acceso á vivenda, formación, mercado laboral, investigación e información, así como seguimento e asesoramento.

En concreto, a Xunta apuntou que a este plan, que busca o regreso de máis de 20.000 galegos até o ano 2020, está destinado un orzamento de 235 millóns de euros, entre medidas con incentivos específicos para os retornados e as transversais.

SALDO MIGRATORIO POSITIVO

As últimas cifras publicadas polo INE sobre o saldo migratorio galego reflicten que en 2017 chegaron a Galicia 6.683 persoas máis das que entraron o exercicio anterior, das que 2.118 teñen entre 16 e 44 anos de idade.

Así mesmo, o balance tamén é positivo se se toma como referencia o saldo co exterior, e das que a metade —3.620—, teñen entre 16 e 44 anos. Ademais, por primeira vez desde 2010, tal e como indicou o Executivo autonómico, chegaron do estranxeiro máis españois dos que saíron, 1.676 persoas máis.

Temas: EMIGRACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta