Tutela de menores, pasos para a emancipación

A procura dunha saída para a xente nova de entre dezaseis e dezaoito anos foi a idea que moveu os diferentes programas de actuación sobre menores. Polo de agora os resultados son diversos pero o que sucede é que detrás de cada un ou unha moza tutelada hai unha historia diferente. Isto influirá, como non, na actitude para afrontar a súa evolución na vida laboral e social.

Por Moncho Mariño | Santiago | 11/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A falta de información ou ignorancia sobre o desenvolvemento das persoas novas en vivendas tuteladas, ten entre outras consencuencias a desconfianza, o medo ou a simple e pura estigmatización por parte da sociedade en xeral. A imaxe de conflictividade destes mozos e mozas está moi vivo no ideario colectivo. “Se están aí por algo será” é a frase que para a maioría resume o paso destes adolescentes por unha vivenda tutelada. Porque é moi frecuente igualar a estas mozas e mozos con quen está en centros de menores por cuestións legais. Se isto sucede, a partir de aí aparecen os muros sociais que lles impedirán desenvolverse dentro da sociedade cos seus traballos e vidas privadas.

Centro residencial público de menores
Centro residencial público de menores | Fonte: DUVI.

A cuestión é que son diferentes programas os que existen para atender as diferentes causalidades que afectan á xente nova que está nestas circunstancias. Así nacen programas para axudar na emancipación do mozo ou da moza adolescente, para a creación de itinerarios  que lle permitan o acceso ao mundo laboral e de aí a unha vida independente. Non obstante, e aínda os avances feitos nos últimos anos, existen puntos que desde a perspectiva dos profesionais, non están cubertos e é moi necesario resolvelos.

QUEN ESTÁ AÍ?

Os motivos que levan a un ou unha menor para estar tutelada xa as explicamos nunha reportaxe anterior. Tamén que existen diferentes figuras para baixo as que amparar a un menor no caso de que a súa potestade sexa retirada aos pais. Existen logo dúas vías para protexer aos menores, unha a de protección e outra a de reforma. A de reforma está orientada para menores que infrinxen a normativa legal, esta causa é vista polo xulgado de menores e en todo momento séguea un especialista cuxa avaliación é fundamental. Logo está a vía de protección que recollería a tutela dos menores en risco de desamparo.

As vivendas tuteladas son un punto desde onde rapaces e rapazas aprenden a emanciparse mediante a aprendizaxe de hábitos e rutinas que lles permitan desenvolverse no día a día. “Propícianse uns procesos para que eles e elas marquen o seu ritmo, que cada quen estruture o seu futuro e como quere verse a si mesmo dentro duns anos” di Pilar Ramallal, pedagoga e educadora social.

Cada menor é enviado a un programa que ten marcado uns obxectivos específicos. Para entrar no programa uns equipos multidisciplinares son os que escoitan ao mozo ou moza. A partir das diferentes avaliacións, un menor é asignado a un equipo específico de técnicos que serán quen lles axuden a marcar a liña que queren seguir os menores na súa vida. Como se fai? “Escoitando ao rapaz ou rapaza, para coñecela, logo veñen as reunións de equipos e tamén hai casos nos que escoitamos ás familias porque tamén se dan retornos dos mozos ás súas familias, pero sobre todo atendelos para que se sintan escoitados e de paso buscarlle unha resposta positiva” di Ramallal.

EMANCIPACIÓN

As testemuñas de mozos e mozas acollidos nestas vivendas non son moi frecuentes pero Galicia Confidencial puido ter acceso a dúas, un mozo e unha moza. Ambos os dous, viven nunha casa tutelada en Santiago que pertence a Igaxes. Ela, a quen lle chamaremos Eva, ten dezasete anos e o día da conversa será o primeiro de traballo. “Levei o CV a un restaurante da zona vella, deixeino onte pola mañá e pola tarde xa me chamaron”. Di que lle gusta a cociña “non me gusta iso de ser camareira, o que quero é traballar na cociña, entrarei de axudante”. Á parte diso “estudo 4º da ESO pero creo que a sacarei por adultos, non me gusta moito estudar”. Ademais existe a compoñente do tempo libre que para esta moza consiste en “ir á piscina, estar con amigos e algunhas fins de semana vou á casa da miña nai para estar con ela e coa miña irmá”. No seu caso son dúas irmás máis dous medio irmáns. Eva ten un desexo, “traballar no meu estudo de tatuaxes, penso que debuxo moi ben, un educador meu ten un amigo tatuador co que ao mellor podo aprender no seu estudo”.

A maior parte das oportunidades de traballo ás que presentan os CV estes mozos e mozas son as que ven en Internet, as páxinas de emprego máis coñecidas son as primeiras ás que dirixen as súas buscas. Así que, sobre todo dirixen as súas preferencias cara traballos do sector servizos.

O rapaz que entrevistamos, chamarémoslle Carlos, vén dun concello veciño de Compostela. Igual ca Eva, non quere falar dos motivos polos que está na casa de acollida. Carlos fai FP de Comercio, acabou o primeiro ano “e o que quero é acabar o segundo ano, logo encontrar un traballo como dependente e facer un ciclo medio de comercio”. O seu obxectivo “vivir na miña casa, independente, cos meus estudos acabados, sen ter que depender de ninguén, coa miña vida e organizarme eu só e sabendo compaxinar os meus horarios”.  Sobre se se sente preparado Carlos responde que “sempre hai cousas que aprender, nunca estás preparado ao cento por cento, aquí apréndennos cousas que sen elas non podes vivir, nós temos unha vida distinta aos demais adolescentes, o mesmo que eles á nosa”.

O TRABALLO

O sistema de atención ás persoas máis novas tanto en Galicia coma no resto de España ten as súas raíces no sistema asistencial maiormente dirixido pola Igrexa. Aínda existen centros concertados onde as estruturas de organización son relixiosas, pero os programas educativos son os mesmos que centros educativos públicos. Actualmente e segundo que tipo de proxecto, son diferentes ONG´s as que levan a tarefa de tutela. Nalgúns casos, como o Programa Mentor, levado por Igaxes, os orzamentos veñen do Fondo Social, que logo son xestionados pola Xunta para cada organización que participe no desenvolvemento do programa.

O traballo dos diferentes profesionais que están dentro de cada ONG, debera responder ás necesidades específicas de cada mozo ou moza acollida. En tal caso, os traballadores e traballadoras non son elixidos por unha formación específica nesta área. “Hai pedagogos, psicólogos e educadores sociais, as persoas que traballamos aquí estamos formadas máis ben no ámbito do social” di Pilar Ramallal. Existen centros públicos, xestionados directamente pola Xunta de Galicia, aínda que o número de persoal funcionario é reducido en comparación co que traballa en ONG.

Con todo, os profesionais reclaman unha serie de melloras dentro do seu campo para ofrecer unha asistencia máis acaída. “É preciso facer visible a nosa profesión, porque moita xente considera que somos coidadoras cando realmente non é así” afirma Ramallal. “Serían necesarios máis recursos, a especialización sobre todo no campo da saúde mental, para poder adiantarnos ás circunstancias que envolven a vida da persoa e tamén para que enfronten a falta de base social, a crise de valores nunha sociedade moi consumista e de tanto tés tanto vales”. E por último, os profesionais ven necesaria unha lei de protección social que recoñeza a profesión tal cal é, para que sexa vista con todo o seu valor.

En tal caso, como moitos colectivos sociais ata o de agora marxinalizados por parte da maioría, a necesaria apertura social para a xente nova que vén de casas tuteladas debera ser o grande paso que tería que dar a sociedade en reciprocidade ao labor que os traballadores e educadores sociais e os mozos e mozas realizan para a súa incorporación tanto laboral como social.


Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta