NCG e o financiamento dos partidos

Líamos hai uns dias na prensa que o gobernador do Banco de España di que Novacaixa Galicia precisa de 2.622.000.000 € de capital adicional para acadar un 10% de capital principal.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 05/04/2011

Comparte esta noticia

É dicir, a Caixa de aforros resultante da fusión das duas caixas anteriores precisa para garantir a sua supervivencia da suma equivalente a uns 950 euros por todos e cada un dos cidadáns galegos, incluindo bebés, rapaces, desempregados e xubilados.

Tamén líamos hai poucas semanas que as deputacións e concellos de Galicia debían 575 millóns en préstamos e que os tres principais partidos políticos do noso País deben 4,86 millóns á Novacaixa, repartidos da seguinte maneira, 3,75 millóns ao BNG, 730.000 euros ao PSOE e 376.000 ao PP.

A verdade que estes dous datos explican moitas cousas e moi interesantes, en primeiro lugar explican a postura dos partidos políticos do status quo en relación ás caixas, non é a galeguidade, nin o suposto servizo público que desempeñan as caixas, nin un concepto inventado ad hoc como o da “exclusión financeira” o que preocupan aos partidos do status quo, é máis ben a pervivencia dunha entidade financeira na que os políticos intervencionistas poden intervir, lonxe dunha lóxica de mercado, para financiar as ineficientes institucións que gobernan e os seus partidos políticos o único que lles preocupa.

Tamén explican eses datos como ninguén se atreve a denunciar a nefasta xestión duns directivos, especialmente dos da extinta Caixa Galicia, que facían un uso patrimonial das caixas como se fosen da sua propiedade e que cobraban soldos millonarios por levar a cabo unha xestión claramente ruinosa das suas empresas financeiras co aplauso dos políticos de PP, PSOE e BNG.

O capitalismo sin responsabilidade e como o como un cocido sin grelos, pódese indixestar con facilidade, e neste momento a resposta que se lle da aos xestores das caixas é que serán rescatados con diñeiro público, é dicir, para que nos entendamos, os gravísismos erros de xestión das caixas de aforro terémolo que pagar todos os contribuintes, non é de estrañar que o socialismo propoña a socialización das perdas, igual que a socialización das gañancias fomentando desta maneira a irresponsabilidade e a inxustiza.

Pero o asunto non remata por ai, agora o señor Botín non quere que se adianten as eleccións, é lóxico porque sabe que os seus privilexios están máis a salvo que nunca e a min non me extraña que unha das grandes fortunas de España esté moi contente cun goberno que pretende sanear con diñeiro público as caixas que, na prática, están quebradas para despois revenderllas saneadas e a prezo de saldo ao señor Botín, que é o que pretenden os señores do PSOE e ao que non se opón o PP. Eu estaria encantado de que o señor Botín ou calquera que quixese e puidese comprase as caixas co que xa non estou de acordo é que sexamos os cidadáns quen lle paguemos o saneamento previo das mesmas.

A miña proposta é moi sinxela, responsabilidade e xustiza, debemos seguir o exemplo islandés e non o irlandés, é dicir, debemos deixar quebrar ás entidades financeiras que non son sustentables por erros única e exclusivamente propios e non socializar as perdas como fixeron os irlandeses que agora se pasarán duas xeracións pagando o buraco xerado por uns xestores irresponsables, a islandesa é unha resposta liberal baseada en que a pague quen a fixo e a irlandesa é unha resposta socialista porque socializa as perdas e/ou conservadora porque defende privilexios dunha determinada casta.

Voltando á debeda dos partidos, para poder seguir dicindo a verdade sobre as caixas, a executiva nacional de Converxencia XXI decidiu que non nos endebedariamos, o que en relación ao noso tamaño poderiamos facer ao traballar desde unha entidade financeira coas cotas dos afiliados, tamén decidimos que faremos públicas as contas da campaña e que estarán accesibles na nosa web, con ingresos e gastos detallados.

Remato cunhas preguntas inxenuas, como é posible que o partido con máis gastos e o único dos tres grandes onde os afiliados non pagan cota, sexa o que menos débeda financeira ten, como demontre se logra financiar o PP?, será que son máis listos que os demais, como di Baltar para xustificar que só aproben as oposicións na deputación os parentes dalguén do PP?. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA