Temas: CóMIC

As últimas poutadas do franquismo

Philippe Thirault e Nadar escollen a Galicia dos anos 70 para ofrecer un retrato dos últimos anos da ditadura.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/07/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Título: ¡Salud!
Autores: Philippe Thirault e Nadar
Editorial: Astiberri
Ano: 2018

Portada de ¡Salud! de Philippe Thirault e Nadar
Portada de ¡Salud! de Philippe Thirault e Nadar

A editora vasca Astiberri publica ¡Salud!, traballo conxunto do escritor francés Philippe Thirault e o debuxante castellonense Nadar que narra a historia de Antoine, un mozo francés que casa cunha galega e abre un restaurante na Coruña dos últimos anos do franquismo. Thirault, cuxo único traballo traducido ao castelán ata a data era un relato breve incluído na obra colectiva O’Boys (Norma), recoñece que se inspirou nunha historia que coñeceu persoalmente, aínda que non esclarece ata que punto chega a realidade e a partir de onde comeza a fabulación. Malia sernos presentado coma un home descrido e ambicioso, sen outro propósito persoal que enriquecerse e gozar da vida, Antoine pecará de inxenuo na súa aproximación á España de Franco. A pesares de que nos anos 70 o réxime branqueara a súa imaxe internacional baixo o slogan “Spain is different” e camiñaba firme cara a súa liquidación, a persecución ideolóxica e a represión das liberdades seguían plenamente vixentes. Antoine descubrirao polas bravas e nos seus propios ósos. A súa é unha historia de auxe e caída acelerada pola inesperada interferencia do totalitarismo nos seus plans.

É posible que o que sorprenda o lector non sexa a inxenuidade de Antoine, senón a do propio Thirault. Os indíxenas sabemos que Franco morreu matando e que os seus seareiros mantiveron as esencias represivas do réxime ata a morte do ditador. ¡Salud! foi escrita por (e probablemente tamén para) alguén que nos observa dende lonxe na distancia e no tempo. Recoñecernos nesa ollada afastada pasa a ser o maior punto de interese para nós, especialmente cando, voluntariamente ou non, o relato creba coa tendencia centrípeta das ficcións históricas sobre o franquismo e escolle Galicia como escenario. Thirault amósanos unha Coruña que pula por abrirse á modernidade, na que a apertura dun restaurante francés concita o interese duns veciños para os que Francia e Europa eran sinónimos de sofisticación e progreso. Non semella casual que Antoine se instale no coruñés Barrio das Flores, que se ergueu nos 70 como o territorio de expansión natural da urbe. Tampouco que se deixe testemuño duns primeiros movementos de contestación social na cidade. O Santiago anterior á capitalidade preséntase coma unha terra de oportunidades, mentres Ribeira aparece representada coma sorprendente berce do independentismo, unha licenza coa que, supoñemos, o escritor quere deixar constancia da existencia do nacionalismo galego.

¡Salud! permítenos ademais contemplar a evolución creativa de Pep Domingo “Nadar”, un dos autores máis interesantes da nova fornada da novela gráfica española. Tras un debut tan ambicioso como consistente (Papel estrujado) e un segundo traballo (El mundo a tus pies) que confirmaba todas as virtudes da obra precedente, Nadar asume por vez primeira a tarefa de ilustrar un guión alleo e faino sen acomodarse, ensaiando un rexistro que resultará sutilmente novidoso para os coñecedores da súa traxectoria. O trazo minucioso de El mundo a tus pies deixa paso a unhas liñas máis abertas e sinuosas, un debuxo menos realista e cuxo espírito retro se fundamenta tamén na elección dunha paleta de cores reducida, de apenas media ducia de tons fortes que vai administrando segundo as necesidades narrativas do relato. Cada novo traballo de Nadar semella vir acompañado dun replantexamento das súas coordenadas estéticas. A súa versatilidade confírmao como un dos talentos máis notables da escena actual, o que explica que reoriente a súa carreira cara un mercado coma o francés, capaz de ofrecer unhas perspectivas profesionais inalcanzables para a edición en castelán. Mentres chegan os seus novos traballos quedamos coas paisaxes que aparecen nesta obra e que nos mostran unha Galicia dual, embridada por un poder ilexítimo mentres loita por acadar un futuro mellor.

Temas: CóMIC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta