Temas: BAIONA

Detido un mozo ao que vinculan coa morte do home achado inconsciente nun aparcadoiro de Baiona

Na tarde deste martes procederon a deter a este mozo por un delito de homicidio por imprudencia, ao atopar indicios de que o motivo da caída "puido vir dun empuxón que puido darlle" ao falecido no transcurso dunha discusión.

Por E.P. | VIGO | 11/07/2018 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Axentes da Garda Civil detiveron a un mozo, veciño de Baiona (Pontevedra) de 23 anos, ao que vinculan coa morte dun home que a mediados da pasada semana apareceu nun aparcadoiro de Baiona (Pontevedra) inconsciente e cun golpe na cabeza.

Concello de Baiona
Concello de Baiona

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, aínda que inicialmente se mantivo a hipótese de que o home se deu o golpe na cabeza despois dunha caída fortuíta, sen outros implicados, os investigadores mantiveron aberta a investigación para tratar de determinar as circunstancias do ocorrido.

Así, na tarde deste martes procederon a deter a este mozo por un delito de homicidio por imprudencia, ao atopar indicios de que o motivo da caída "puido vir dun empuxón que puido darlle" ao falecido no transcurso dunha discusión. De feito, estas fontes explicaron que agora invesigan se a situación "é tan laxa como en principio parece" ou se hai antecedentes dalgún problema anterior entre os dous.

A maiores, as fontes da Garda Civil consultadas manifestaron que ambos estarían ebrios no momento dos feitos, extremo que sosteñen en testemuños de terceiras persoas que os viron na noite do suceso, aínda que de momento non transcenderon as posibles probas clínicas practicadas ao falecido. De feito, inicialmente os investigadores relacionaron a embriaguez coa caída, en principio considerada fortuíta, do home.

Despois da detención, está previsto que o mozo detido pase a disposición do xulgado de Vigo, en funcións de garda, este mesmo mércores, tal e como confirmaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Temas: BAIONA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta