O festival "Espazos Sonoros" ateiga a xeografía galega de música este verán

Aposta de novo pola difusión da música clásica en conexión con outras músicas e pola valorización e divulgación dos espazos do patrimonio histórico.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O festival Espazos Sonoros volve puntual á súa cita de finais do verán cun intenso programa de músicas e actividades arredor dos elementos do patrimonio en toda Galicia. Este festexo comezou a súa andaina no ano 2008 e, desde entón, converteuse nun dos festivais de referencia do panorama musical galego, dotado dun perfil inconfundible que o singulariza como unha das propostas máis orixinais e sólidas, en canto a contidos e concepto, do conxunto das programacións existentes.

Espazos Sonoros na edición pasada
Espazos Sonoros na edición pasada | Fonte: Twitter

Unha edición máis, o festival afonda nos seus sinais de identidade, procurando a creación de espazos para o goce da música e o fomento dun lecer sostible arredor dos elementos do patrimonio histórico.

PROGRAMACIÓN MUSICAL

A programación está composta por oito citas nas que terán lugar un total de sete concertos en espazos de interese cultural espallados ao longo da xeografía galega. Músicas de diferentes estilos, que van desde a música antiga, pasando pola música de cámara, ata a música vocal ou propostas que procuran establecer nexos entre estilos musicais diversos, integran un programa de calidade e variado, sempre en conexión cos espazos escollidos.

Abrirá o festival o domingo 2 de setembro o conxunto Marés, do que é cofundadora a saxofonista coruñesa Patricia Cadaveira xunto ao catalán Marcel Pascual, nunha xornada inaugural que terá lugar a carón das Illas Atlánticas e que nos levará ata a Illa de Sálvora e San Vicente do Grove. Xa alí desenvolverase un obradoiro de agricultura tradicional no centro de interpretación da cultura rural galega, O Quinteiro de Temperán.

Este mesmo día, o conxunto de saxofóns Sax Antiqua tamén ofrecerá un concerto no campamento romano de Ciadella, espazo no que terá lugar unha visita contextualizada da man de expertos arqueólogos, que comentarán os resultados das escavacións, que desde hai décadas se levan a cabo neste lugar.

O conxunto vocal Capella Sancta Maria, dirixido polo coruñés Enrique López-Cortón e con base en Amsterdam, presentarase por vez primeira en Galicia o 8 de setembro na Igrexa de Santa María de Baiona. Trátase dun dos conxuntos vocais máis recoñecidos do momento e ofrecerá un programa de música con autores do Renacemento, época na que a Capella está especializada.

O grupo Romanza, do que é cofundador o internacional arpista galego Manuel Vilas canda a experta en instrumentos de tecla antigos, Catalina Vicens, estará en San Xiao de Moraime na clausura do festival, o día 7 de outubro, cun programa sobre a lírica medieval galego portuguesa e occitana.

A cantante Sabine Luztenberg, fundadora do grupo PER-SONAT e unha das celebridades do momento dentro da música antiga, estará, canda ao fidulista Baptiste Romain, na igrexa de San Pedro Fiz do Incio o 30 de setembro, cun programa sobre a figura de Hildegard von Bingen.

ACTIVIDADES ARREDOR DO PATRIMONIO HISTÓRICO

Ademais da programación musical, o festival conta coa xa tradicional e imprescindible programación paralela de actividades para afondar no coñecemento do patrimonio presente na contorna dos diferentes espazos. Roteiros polos elementos do patrimonio e pola contorna natural dos espazos, un roteiro literario, conversas con expertos e visitas contextualizadoras son as actividades que complementan a programación.

OS ESPAZOS

Os espazos escollidos pretenden dar unha mostra das diferentes vertentes do patrimonio, desde o histórico-artístico ou arqueolóxico ata o científico, industrial, etnográfico ou natural: A illa de Sálvora, San Fiz do Hospital do Incio, o campamento romano de Ciadella, Santa María de Castrelo de Miño, San Martiño de Mondoñedo, a casa Grande de Trasalba, a fortaleza da Frouseira, San Xiao de Moraime, son algúns dos espazos escollidos. En cada un deles o público terá oportunidade de participar nas actividades paralelas previstas

OBRADOIRO DE ACHEGAMENTO Á MÚSICA ANTIGA

Ademais, como espazo xa habitual na programación, terá lugar a oitava edición do obradoiro de achegamento á música antiga, desta volta adicado ao mundo da luthería e á construción de instrumentos antigos. O público poderá visitar o obradoiro do artesán Ismael Vaz en Castrelo de Miño e, ao tempo, escoitar música interpretada ao vivo por algúns dos máis consagrados interpretes galegos dentro do ámbito da música antiga.

Os concertos son de balde e a entrada libre, ata completar a capacidade. Algunhas das actividades teñen prazas limitadas, polo que é imprescindible a inscrición previa nas datas establecidas a través do enderezo actividades@espazossonoros.org.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta