Entregan máis 26.000 firmas para que a Xunta diga non ao proxecto mineiro Touro-O Pino

Advirten de que a afección a augas e terras non pode alterarse aínda que a empresa volva escribilo "bonito".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2018 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A plataforma veciñal en contra da explotación mineira que pretende activar unha empresa nos municipios coruñeses de Touro e O Pino entregou este mércores no rexistro xeral da Xunta 26.112 firmas en contra do proxecto, co obxectivo de que a Administración autonómica diga non "sen máis dilacións".

Entrega de firmas contra a mina de Touro-O Pino
Entrega de firmas contra a mina de Touro-O Pino | Fonte: Europa Press

En declaracións, a presidenta da plataforma, Isabel García, destacou que "xa é o momento" de que o Goberno galego emita "unha resolución negativa, sen máis dilacións", posto que están listos os informes sectoriais e unicamente falta a declaración de impacto ambiental.

Tendo en conta que a declaración de impacto farase "á vista" dos informes sectoriais, "desfavorables" á iniciativa que se expón para estes concellos, nos terreos dunha antiga mina de cobre, García esixiu "que non se dea esa dilación".

Neste sentido, rexeitou que a compañía modifique aqueles aspectos que sinalan os informes, posto que isto, ao seu xuízo, significaría simplemente "escribilo bonito para ver se así coa". "Hai cousas que é imposible arranxar", subliñou, en alusión á afección ás augas e ás terras, entre outros aspectos.

MOBILIZACIÓN EN CONTRA

Esta plataforma presentou en outubro pasado 1.500 alegacións ao proxecto mineiro que aspira a liderar a empresa Atalaia Mining, xunto a Explotacións Galegas (dona dos terreos). A partir de aí, sumou forzas en contra da reactivación da mina coa plataforma en defensa da ría de Arousa, recibiu o apoio de até 33 concellos e dúas deputacións (as de Pontevedra e A Coruña) e asegura contar co respaldo dunhas 140 organizacións de todo tipo (culturais, sociais, ecoloxistas, ambientais, sindicais e políticas, entre outros).

En febreiro convocou unha mobilización en Touro e o pasado xuño protagonizou outra manifestación en Santiago de Compostela. Este mércores deu por concluída a campaña de recollida de firmas que iniciou en marzo e agora abrirá outra na web change.org para todos aqueles que non puideron prestar a súa rúbrica en papel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta