Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2018 | Actualizada ás 13:54
A Comisión Europea deu 'luz verde' este mércores á axuda de 3,2 millóns de euros para axudar a España a facer fronte aos danos causados o pasado ano polos graves incendios rexistrados en Galicia no mes de outubro, que arrasaron máis de 49.000 hectáreas e custaron a vida a catro persoas.
Nun comunicado, Bruxelas informou de que a súa proposta xa recibiu o visto bo necesario tanto da Eurocámara como de todos os Estados membros e, por tanto, as autoridades españolas contarán coas axudas antes de que finalice o mes de xullo. Os 3,2 millóns procederán do Fondo de Solidariedade da Unión Europea, creado para dar apoio aos Estados membros nos seus esforzos de reconstrución despois do impacto dunha catástrofe natural.
Servirán para cubrir tamén parte dos custos dos servizos de urxencia, aloxamento provisional, operacións de limpeza e protección do patrimonio cultural levadas a cabo polas autoridades no momento dos incendios. O apoio a España forma parte dun paquete de axudas proposto pola Comisión Europea que ascende a 104 millóns de euros destinados a varios socios comunitarios que sufriron catástrofes naturais ao longo de 2017.
Portugal recibirá 50,6 millóns de euros polos violentos incendios forestais que arrasaron as rexións central e setentrional do país, Francia contará cunha axuda de 49 millóns para cubrir parte do investimento urxente para responder os efectos dos furacáns Irma e María polos seus territorios de San Martín e Guadalupe e Grecia contará con 1,3 millóns polos danos causados por un terremoto na illa de Lesbos.
"Esta axuda cubrirá algúns gastos dos Estados membros para facer fronte á urxencia e comezar a reconstrución após os sinistros. É unha proba concreta do apoio da UE aos seus Estados membros no longo prazo, cando se enfrontan a unha catástrofe natural", destacou a comisaria de Política Rexional, Corina Cretu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.