Es creativo e sabes debuxar? Os "Premios Deseña" sobre o coidado da auga son para ti

O obxectivo destes premios, organizados por Viaqua e a Fundación Aquae, é recoñecer o talento daquelas persoas que mellor saiban plasmar a consigna ‘Coida a auga. Imaxina o mundo que queres’ no deseño dun cartel. O prazo remata o 7 de setembro.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 11/07/2018 | Actualizada ás 21:44

Comparte esta noticia

Viaqua e a Fundación Aquae - a fundación da auga - abren a convocatoria para os Premios Deseña, cuxo obxectivo é recoñecer o talento daquelas persoas que mellor saiban plasmar a consigna ‘Coida a auga. Imaxina o mundo que queres’ no deseño dun cartel. O prazo de inscrición destes galardóns, aos que o ano pasado se presentaron máis de 400 carteis de países como Francia, Alemaña, China ou Xapón, finaliza o 7 de setembro.

Auga
Auga | Fonte: Caldaria

"COIDA A AUGA. IMAXINA O MUNDO QUE QUERES"

Dirixido a persoas creativas, ilustradores e deseñadores de calquera parte do planeta, a IV edición destes galardóns consta dun primeiro premio, valorado en 1.000 euros, e un accésit de 500 euros. Os Premios Deseña naceron en 2015 con dobre vocación: por unha banda, concienciar sobre a urxencia de coidar do noso planeta; e por outra, recoñecer o traballo das mentes creativas que saben como transformar as ideas en imaxes.

En todo o mundo, ao redor de 2.100 millóns de persoas (3 de cada 10) carecen de acceso a auga potable e dispoñible no fogar e 4.500 millóns de persoas (6 de cada 10) non dispoñen dun saneamento seguro, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) e UNICEF. Mentres que en países como España consumimos unha media de 132 litros diarios por habitante, máis de 3,4 millóns de persoas morren cada ano por enfermidades relacionadas coa auga, como o cólera, o paludismo, a disentería ou enfermidades diarreicas.

"Por iso, é clave concienciar a todos os actores para que entendan que garantir o dereito á auga de forma sustentable -Meta 6 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable para 2030- supón unha implicación por parte de todos no seu coidado, directa ou indirectamente", destaca Ana Belén Carmona, responsable de Participación de Fundación Aquae.

ORIXINALIDADE, AUTENTICIDADE E COMPROMISO

O que máis valora o xurado destes galardóns é a orixinalidade, a autenticidade e, sobre todo, o compromiso co desenvolvemento sustentable e o progreso das persoas. O gañador dos Premios Deseña 2017 foi o ecuatoriano Jesús Suárez polo seu cartel ‘As grandes ideas’, mentres que o accésit recaeu en mans de María Rodríguez Cobo por ‘Na miña cabeza’. O ano pasado a temática do concurso foi ‘A Revolución das Ideas: visible Invisible’ e os deseños tiñan que expresar como a ciencia e as novas tecnoloxías contribúen a xerar cambios beneficiosos para a sociedade.

O Desenvolvemento Sustentable leva a un contexto ecolóxico, económico e social baixo cuxos tres eixos Fundación Aquae enmarca o groso das súas actividades. "A auga é un recurso clave na economía. De feito, é o recurso individual máis importante compartido en todas as cadeas de subministración xa que é utilizado de maneira transversal en todo tipo de actividades económicas. Por este motivo, é un punto natural para iniciar a transformación global cara a unha economía circular onde pasemos dun modelo de xestión da auga lineal cara a un modelo circular", subliña Carmona.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 julia

Queremos hacer una escapadita los compañeros de trabajo der corbatasygemelos.es a galicia a bucear, donde nos recomendais ?? gracias por la info. un saludo