Temas: PARLAMENTO AVE

O Parlamento reclama ao Goberno central prazos para o AVE a Galicia en 2019

O Parlamento galego aprobou este mércores durante o pleno unha proposición non de lei do PPdeG na que se insta á Xunta a reclamar do Goberno central un cronograma de obras que "ratifique" que o AVE a Galicia estea a funcionar en probas no ano 2019.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2018 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou este mércores durante o pleno unha proposición non de lei do PPdeG na que se insta á Xunta a reclamar do Goberno central un cronograma de obras que "ratifique" que o AVE a Galicia estea a funcionar en probas no ano 2019. A iniciativa, que se transaccionou co PSOE, contou co apoio de populares e socialistas e coa abstención dos grupos de En Marea e BNG.

AVE a Galicia. EUROPA PRESS - Archivo
AVE a Galicia. EUROPA PRESS - Archivo | Fonte: Europa Press

Durante a súa intervención para presentar a proposición, o deputado popular Martín Fernández reivindicou a importancia do AVE a Galicia e asegurou que o feito de que esta infraestrutura "se remate en prazo" é un "obxectivo irrenunciable" que se debe demandar desde todas as instancias.

Despois de asegurar que o PPdeG demostrou sempre unha "actitude de constante esixencia e reivindicación" neste sentido, o deputado vinculou a proposición non de lei presentada á reunión que o próximo 17 de xullo manterá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, en Madrid.

A intención, revelou, é que Núñez Feijóo vaia a este encontro co "respaldo" do Parlamento galego en materia de esixencia de prazos do AVE, despois das "dúbidas" evidenciadas, segundo o seu punto de vista, polos novos responsables socialistas do Goberno."Estas declaracións --dos novos responsables-- difiren claramente do que os técnicos e responsables de Adif viñan dicindo", advertiu Martín Fernández, que confiou en que o nomeamento á fronte de Adif de Isabel Pardo de Vera supoña "tranquilidade" na materia, xa que "foi a que supervisou esa data de 2019". "Esperemos que non se autocontradiga", sentenciou.

Desde o Goberno do PP no Estado, subliñou o deputado, conseguíronse "importantes logros", como un "cronograma claro e fiable" que "situaba a finalización" desta infraestrutura en 2019, a "transparencia" nos prazos do AVE ou unha "actitude de traballo, seguimento e compromiso" que agora piden aos novos responsables.

O PSOE, COMPROMISO "PERMANENTE"

Durante a súa quenda de posicionamento, o deputado socialista Raúl Fernández afeou aos populares que teñan "moita présa agora" por reclamar os prazos do AVE e garantiu que o PSOE ten "un compromiso permanente" con esta infraestrutura, non só co investimento se non tamén coa "execución".

Desde a chegada ao poder de Sánchez, dixo, en "apenas un mes", licitáronse "obras por valor de 125 millóns de euros" e adxudicáronse por valor de case 50 millóns, o que evidencia un "compromiso real" coas infraestruturas. Por iso, mostrouse proclive a reclamar ao Estado un "cronograma claro e público" sobre o AVE a Galicia, "en lugar de propaganda". A achega socialista incluíuse no texto finalmente aprobado.

Tanto o BNG como En Marea, criticaron tamén ao PP as súas anteriores responsabilidades na materia, no que Marcos Cal (En Marea) cualificou dunha "herdanza envelenada". A maiores do AVE, o nacionalista Luís Bará pediu "unha estratexia galega de ferrocarril" que permita mellorar este medio de transporte na Comunidade. Entre outras cuestións, desde o BNG reclámase que se finalice a liña do Eixo Atlántico e a conexión con Portugal, que se acabe co "illamento ferroviario de Lugo", se transfiran "as competencias a Galicia da rede ferroviaria interna" e haxa un tren de proximidade.

Temas: PARLAMENTO AVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta