Por Alberto Quian | Madrid | 08/04/2011
Hai agora un mes, Xurxo Salgado, director de GC, propúxome facerme cargo da estratexia e da xestión das redes sociais deste diario, no que colaboro desde maio de 2010. Aceptei por ese encanto que teñen para min os proxectos comunicativos en fase de desenvolvemento.
A última semana de marzo puxemos en marcha o plan estratéxico para redes sociais. Entre os nosos obxectivos:
Unha das miñas prioridades foi incorporar a GC a Cabozo, unha rede social netamente galega. Era, como xa dixen, un paso natural que había que dar. A noite do pasado domingo 3 de abril, GC converteuse no primeiro medio de información que forma parte desta comunidade web galega que conxuga o mellor de Facebook e Twitter.
É evidente que para os demais medios galegos esta rede non ten aínda suficiente atractivo. Nun exercicio de especulación podemos pensar que isto se pode deber ou ben a que descoñecen esta rede social (o cal poría en dúbida os coñecementos dos responsables online destes medios sobre a actualidade dixital local), ou ben a que cren que o proveito e a utilidade que lles pode proporcionar Cabozo son moi limitados polo seu número actual de usuarios (3.521 caboceiros), ou ben a medos atávicos e absurdos prexuízos que frean aos medios galegos –onde o uso do castelán está moi arraigado– a introducirse nunha rede social netamente galega e a interactuar coa súa comunidade. Sexa como for, cometen un craso erro.
Certamente, o feito de que GC estea a situarse como medio de referencia para a comunidade galegofalante e a sintonía que mantén con Cabozo animaban a introducirse na única rede social galega e en galego construída en Galicia con código propio. Pero había máis motivacións: unha, contribuír coa marca GC ao desenvolvemento dun espazo propio de conversación na rede para os cidadáns galegos; outra, atender a un nicho de usuarios clave para GC e, obviamente, sacar vantaxe á competencia.
A análise fácil e inxenua converte aos 3.521 membros de Cabozo nunha anécdota dixital prescindible comparados cos máis de 500 millóns de usuarios de Facebook e os 200 millóns de Twitter. Pero esa non é a lectura que fixemos nós. É obvio que ningún medio galego pode aspirar a ser seguido nin sequera pola milésima parte dos usuarios de Facebook e Twitter. O medio líder en Galicia, La Voz, ten 6.743 seguidores en Twitter e 15.731 en Facebook; Xornal de Galicia conta con 1.906 seguidores en Twitter e 6.544 en Facebook; no caso de Faro de Vigo, a súa conta en Twitter é seguida por só 685 usuarios (cen menos que GC) e en Facebook está nos 5.000 (igual que GC); e Galiciaé ten 133 seguidores en Twitter e 2.136 en Facebook. Con estes datos na man, parece obvio que unha comunidade de 3.521 usuarios locais non debe ser ignorada nin menosprezada por ningún.
Así e todo, para GC non era unha cuestión só cuantitativa, senón máis ben cualitativa. Cabozo é unha comunidade cun gran potencial, en pleno desenvolvemento e netamente galega; é dicir, Cabozo é unha gran oportunidade para GC. E, sen dúbida, o recibimento que nos deron é tan insólito e extraordinario nunha rede social, como esperanzador e ilusionante.
Evidentemente, Cabozo ten cousas que mellorar, como GC. E están niso. Grazas a un acordo con m-tic! van ofrecer un deseño innovador e profesional que mellore a experiencia de uso da rede social galega.
Para rematar, abro unha paréntese para outra reflexión: unha das cousas que máis me sorprenderon negativamente ao entrar en Cabozo é a ausencia deses nomes relevantes da sociedade e a cultura galegas que falan cada día en Twitter e Facebook de construír país, de defender a nosa lingua, cultura, tradicións, costumes e idiosincrasia, pero ignoran a Cabozo, a única rede social realmente made in Galicia, con código propio creado totalmente desde cero, dirixida á sociedade galega, redactada integramente en galego e considerada como a primeira rede social de especialización territorial en España. Paradoxal forma esta de facer país ausentándose, non si?