Por E.P. | Santiago de Compostela | 12/07/2018 | Actualizada ás 13:23
En Marea quere abrir unha liña de negociación bilateral co Goberno para que a "axenda galega" forme parte das súas políticas e, con este obxectivo remitiu unha carta á ministra de Política Territorial, Meritxell Batet, na que lle solicita unha reunión para trasladarlle as súas reivindicacións. "Cataluña é un problema de Estado, pero non pode opacar a axenda galega", resumiu a deputada Yolanda Díaz.
Díaz, como vogal da Comisión Territorial do Congreso, é a asinante da misiva que a coalición que forman Podemos, EU e Anova enviou a Batet para solicitar formalmente ese encontro que xa anticiparon de maneira informal á ministra a semana pasada cando compareceu no Congreso.
"O novo tempo político é plurinacional" o que implica que ha de ser "moito máis que Cataluña", explicou no Congreso a deputada galega, quen, na súa carta, remarca que En Marea "vai ser garante do recoñecemento constitucional de Galicia como nacionalidade histórica" e subliña que "calquera cambio no modelo territorial ha de garantir ese recoñecemento da Constitución e favorecer o desenvolvemento" do seu "autogoberno".
Do seu lado, o actual portavoz de En Marea, Antón Gómez-Reino, lembrou que a súa formación puxo os seus votos para "botar" a Mariano Rajoy da Moncloa e entende que agora que se abre un novo tempo político "é tempo de falar da axenda de Galicia". "É momento de abrir un debate e un diálogo constante entre o Goberno e os representantes institucionais de Galicia, de igual maneira que se fai coas outras nacionalidades históricas do Estado", engadiu.
MODELO TERRITORIAL
Ese diálogo persegue un dobre obxectivo: analizar materias que apunten á reformulación do modelo territorial para o conxunto do Estado e, doutra banda, expor as cuestións máis específicas de Galicia que, segundo as forzas políticas galegas, han de ser atendidas polo Goberno central.
Así, consideran "clave" falar dun novo modelo de financiamento e sosteñen que, dado que Sánchez renunciou "a renegociar o sistema de forma multilateral, ha de dialogar con Galicia nun plano "bilateral". Neste contexto, reclaman que se teña en conta o "custo real" dos servizos públicos na súa comunidade, a dispersión da poboación, o seu envellecemento e a regresión demográfica.
Díaz, quen se mostrou convencida de que este asunto formará parte da entrevista que Sánchez manterá o vindeiro martes na Moncloa co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tamén sinalou como prioridade a profundización no autogoberno galego.
DEZ ANOS SEN NOVAS TRANSFERENCIAS
"Non se poden manter as cousas como están e que Galicia estea a un nivel diferente ao que poidan estar Cataluña ou Euskadi", incidiu, preguntándose por que estas comunidades teñen transferidas competencias de tráfico e seguridade viaria e Galicia non e lembrando que levan unha década sen recibir novas transferencias.
Así mesmo, reclamou para Galicia un "papel protagónico" cando se traten cuestións relevantes para a comunidade como o reto demográfico, as denominadas competencias transfronteirizas ou a súa participación nas negociacións europeas relativas a asuntos de pesca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.