Temas: BARCO ARXENTINA

Por que afundiu o barco galego en Arxentina cando estaba "en perfecto estado"?

Os mariñeiros do pesqueiro serán examinados antes de ser recolocados en barcos ou regresar á súa orixe.

Por E.P. | VIGO | 12/07/2018 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

O pesqueiro galego 'Dorneda', que se afundiu este mércores en augas de Arxentina deixando un mariñeiro falecido e outro desaparecido, estaba "en perfecto estado de mantemento" e só uns días antes saíra do porto de Montevideo, onde levou a cabo o seu mantemento e pasou "todas as revisións". Así o comunicou o presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (Arvi), Javier Touza, que incidiu en que o buque "estaba en perfecto estado de revista" cando chegou á zona na que realizou os primeiros lances, pouco antes de que se producise o afundimento.

Pesqueiro galego 'Dorneda', afundido en Arxentina. ARMADA ARGENTINA
Pesqueiro galego 'Dorneda', afundido en Arxentina. ARMADA ARGENTINA | Fonte: Europa Press

A falta dos informes e investigacións técnicas, indicou que a hipótese que se mantén sobre a causa do afundimento é que ao izar o aparello chegou unha cantidade importante de peixe, que ao producirse en condicións meteorolóxicas adversas puido producir un corremento da carga cara un costado e así xerar unha vía de auga. Desta forma, cando a auga chegou á sala de máquinas paráronse os sistemas eléctricos, de achique, etc., facendo que sexa "moi difícil recuperalo". "En moitas ocasións conseguimos que quede nun susto, pero hai veces que é irremediable. Son cousas do oficio, innatas á nosa propia actividade tan dura que é a pesca", apostilou.

O PROCOLO FUNCIONOU "PERFECTAMENTE"

Touza destacou que "a gran sorte" a pesar do ocorrido é que "funcionou perfectamente o protocolo de seguridade establecido", xa que se disparou automaticamente a radiobaliza que enviou o sinal ao centro de seguemento de Madrid e este, á súa vez, activou o protocolo internacional con Arxentina.

Desde alí, subliñou que a Armada Arxentina (á que tamén trasladou o seu agradecemento) puxo en funcionamento o dispositivo naval e aéreo para o rescate do buque, ao que se suma "a gran sorte" de que na zona había varios pesqueiros, que acudiron ao rescate dos 27 mariñeiros do naufraxio. Touza puxo en valor que os mariñeiros non quixeron ir a terra porque "non queren deixar a ninguén abandonado". "Aínda que haxa un fío de esperanza, queren queimar o último cartucho", asegurou. A previsión é que este barco leve aos rescatados a Montevideo.

OS MARIÑEIROS DO PESQUEIRO

Serán examinados "un a un" para coñecer as súas condicións físicas e mentais tras o acontecido, e a partir de aí decidirase a súa recolocación nalgún outro barco da armadora (actualmente ten cinco operando na zona) ou o seu regreso ao seu lugar de orixe. Touza, como tamén informou a Armada Arxentina, dixo que os tripulantes rescatados chegarán nos próximos días aos portos de Montevideo e Mar de Prata, a bordo dos pesqueiros 'Farruco' e 'Beagle I', respectivamente.

Así mesmo, remarcou que estas persoas "acaban de pasar unha situación moi traumática", pois "estiveron desaparecidos durante 4 horas e media no mar, con condicións climatolóxicas adversas, de noite, á intemperie e en dúas balsas".  Ao ser cuestionado acerca de se se desprazará ao persoal e a familiares dos mariñeiros aos dous portos aos que chegarán, Touza respondeu que "si, claro", e explicou que se está "montando un operativo" nestes portos. De feito, manifestou que a armadora estivo "en todo momento" en contacto coas familias de todos os tripulantes e transmitiulles o estado de cada un deles, con "especial atención á do falecido e á do desaparecido".

TRIPULACIÓN

Aínda que descartou concretar o número de tripulantes de orixe galega, confirmou que en todos os barcos das frotas de Arvi "un compoñente moi importante son galegos", e a eles súmanse tamén tripulantes doutras partes de España e estranxeiros nacionalizados ou con permisos. Salvamento Marítimo comunicou que tanto o falecido como o desaparecido son de nacionalidade peruana. En canto ao resto da tripulación, o Ministerio de Exteriores trasladou que no pesqueiro ían a bordo 11 españois. No entanto, as fontes consultadas de Salvamento Marítimo indicaron que os españois son cinco, e a eles súmanse 8 indonesios, 13 peruanos (contando ao desaparecido e ao falecido) e un marroquí. Segundo puntualizaron, algún dos mariñeiros pode ter dobre nacionalidade.

Temas: BARCO ARXENTINA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta