Temas: FRASEOLOXíA

Por aquí non facemos “novillos” nin “pellas”, senón “a gata”, “a lata”, “a mica” ou “a godalla”, entre outras

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 22/07/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Se realizamos unha enquisa –polo menos entre a xente entrega ou de certa idade– acerca de cantos deles faltaron tan sequera unha vez á clase sen motivo xustificado, é probable que a porcentaxe de “faltóns” e “faltonas” sexa moi alta. Tratándose, pois, dunha realidade tan estendida, ese concepto (que, por extensión, pasou a empregarse tamén naqueles contextos en que se dá conta de que alguén deixa de acudir sen xustificación a un lugar de asistencia fixa ou obrigada, nomeadamente o traballo) plasmouse lingüisticamente nunha cantidade considerable de frases feitas. Vexámolas:

Gatos abandonados nunha casa
Gatos abandonados nunha casa | Fonte: Wikiality

Hacer novillos # pellas # rabona # bolas

{= Faltar á escola sen razón xustificada, e, por extensión, faltar ó traballo ou a outro lugar de asistencia fixa e obrigada.}

Facer a gata

Facer a lata

Facer a mica

Facer a godalla # unha godalla

Facer a gatada

E mesmo:

Facer a latarusa

Ex.: Tras una noche tan intensa y llena de emociones, al día siguiente decidió no llamar a su jefa y hacer novillos, quedándose en la cama con su nuevo amante.

Logo dunha noite tan intensa e chea de emocións, para o outro día decidiu non chamar á súa xefa e facer a gata a lata a mica a godalla a latarusa, quedando na cama co seu novo amante.

● Tamén, mais neste caso só referidas a faltar á clase:

Fumarse la clase

Latar a escola && Latar a clase # á clase && Correr a escola && Copar a escola # á escola && Fanar a escola && Facer a escola no camiño && Colgar clase(s) && Palmar a clase && Ir ós niños && Andar ós niños

Ex.: Me acuerdo muy bien de que cuando de pequeños solíamos hacer novillos # fumarnos la clase e irnos a jugar a la playa.

Ben che me acorda que cando eramos cativos adoitabamos latar a escola latar á clase correr a escola copar á escola fanar a escola facer a escola no camiño colgar clase(s) andar ós niños e irmos xogar á praia.

● Tamén, inda que desta vez non como expresións, senón como formas verbais simples que dan conta do significado expresado:

Pirar

Latar && Gatear && Micar && Copar && Fanar && Colgar && Serrar

Ex.: Ben che me acorda que cando eramos cativos adoitabamos latar gatear micar copar fanar colgar e irmos xogar á praia.

NOTAS:

1. Notemos as ligazóns ou vínculos existentes entre algunhas das voces que se empregan nas diferentes paremias:

a) Así, as palabras gato e mico (esta última asociada a contextos de uso non formais e familiares) designan o mesmo animal (o mamífero Felis catus), polo que, en orixe e en esencia, facer a gata e facer a mica case se poderían considerar como variantes dunha mesma expresión.

b) Pola súa banda, gatada non deixa de ser, tamén na súa orixe, a acción propia dun gato ou que se considera propia dun gato.

c) E, por último, a voz latarusa (nalgunha obra literaria tamén se recolle como lataruxa) presenta unha evidente relación con latar e lata.

2. Velaquí a seguir, coma decote, un pequeno repaso a léxico que pode resultar descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Godalla (DRAG): substantivo feminino (Capra hircus) Animal mamífero da familia dos bóvidos, de pelo curto e áspero, cornos curvos cara a atrás e rabo moi curto, capaz de gabear por sitios abruptos. Unha godalla escapou do rabaño. Sinóns.: cabra, xena.

Gatada (DRAG): substantivo feminino Acción feita con astucia e disimulo para enganar a alguén. Cando se decatou da gatada que lle fixeran xa perdera todos os cartos. Confróntese: cochada, xogada.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: http://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ferro Ruibal, Xesús: Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús & Veiga Novoa, Cristina: “Paremias selectas. Un manuscrito bonaerense (1956) de Vicente Llópiz Méndez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 265-315. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Instituto da Lingua Galega (ILG): Tesouro informatizado da lingua galega.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Pintos Villar, Juan Manuel: Vocabulario gallego-castellano. Datado ó pé de 1865. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Portal das palabras, na sección Setestrelo titulada “Sete formas de saltar a clase”, colgada o 27 de abril de 2015).

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Cascudas non

Latar é o máis usado con diferenza. Uso que non existe en castelán nin está recollido na rae. Xenuíno galego.

1 Dende A Coruña

Na coruña polo menos!

2 Lataruxa

Rapaz que lata , lataruxa. No meu barrio da Coruña era asi (xa choveu diso)