Temas: FRASEOLOXíA

“Non estar o alcacén para gaitas”, equivalente á paremia castelá “no estar el horno para bollos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 19/08/2018 | Actualizada ás 19:00

Comparte esta noticia

¡Cantas veces non teremos vivido situacións en que nos decatamos que, nomeadamente por culpa de que alguén non está de bo humor ou de que hai unha situación de tensión ou semellante, non é a ocasión propicia ou adecuada para facer algunha cousa que noutro momento si podería ser axeitada ou mesmo ben recibida! Pois, efectivamente, son esas situacións nas que, entre outras paremias (e sen prexuízo de que as instancias pertinentes acepten como propia, ou rexeiten como calco, a tan empregada non estar o forno para bolos), en galego botamos man da que di que non está o alcacén para gaitas. Vexámolas.

Unha das gaitas do Obradoiro JR
Unha das gaitas do Obradoiro JR | Fonte: turismocarballo.com

No estar el horno para bollos # para tortas

{= Non ser o momento ou a ocasión propicia para facer algo, nomeadamente por se atopar alguén de mal humor ou mala témpera, por existir unha situación de tensión, etc.}

Non estar o alcacén para gaitas

Non estar a ferraia para gaitas

Non estar o forno para cocer pan

Ex.: Mejor no insistir en el tema, que no está el horno para bollos.

Mellor non insistir no tema, que non vos está o alcacén para gaitas que non vos está a ferraia para gaitas que non vos está o forno para cocer pan.

● Tamén:

No estar la Magdalena para tafetanes

Non estar o pandeiro para festas && Non estar o tamborileiro para gaitas && Non estar o forno para leña && Non estar a palla para (facer) palletas de gaita

Ex.: Mellor non insistir no tema, que non vos está o pandeiro para festas que non vos está o tamborileiro para gaitas que non vos está o forno para leña.

● Tamén, nesta mesma liña:

Non estar a cousa [o conto # o tema # o choio # a cuestión # o ambiente...] para festas # para lerias # para danzas # para asar castañas

Ex.: Mellor non insistir, que non vos está a cousa para festas que non vos está o conto para lerias que non vos está o choio para danzas que non vos está a cuestión para asar castañas.

NOTAS:

1. Nótese que alcacén e ferraia son voces sinónimas, que fan, polo tanto, referencia á mesma realidade:

Alcacén (DRAG): substantivo masculino Orxo, avea ou principalmente centeo, que se sega en verde antes de que espigue e que se utiliza como forraxe para os animais. Afiou o fouciño para apañar o alcacén. Sinóns.: ferraia, ferraña.

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [anteriormente, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- VV.AA.: Refráns e ditos da Ulla. Obra á que no seu día se accedeu, a través da Internet, e que actualmente xa non se atopa dispoñible.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta