Abel Caballero resalta o "gran labor" da ONG Provivienda no acollemento de refuxiados

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, emprazou á ONG a asinar coa federación un convenio para cooperar no acollemento de refuxiados.

Por E.P. | VIGO | 12/07/2018 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, emprazou á ONG Provivienda a asinar coa federación un convenio para cooperar no acollemento de refuxiados, como xa se fixo con Cruz Vermella, Accem e a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) trala chegada de 629 migrantes no buque 'Aquarius'. Nunha rolda de prensa este xoves, o rexedor destacou o "gran labor" que está a realizar Provivienda, que en Galicia, concretamente en Vigo, acolle a nove persoas que viaxaron no 'Aquarius'. Trátase de oito homes de entre 18 e 34 anos, de nacionalidade nixeriana, que foron repartidos en dúas vivendas.

Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa | Fonte: Europa Press - Arquivo

Caballero destacou que esta ONG aluga vivendas para ofrecer garantías e seguridade tanto aos propietarios como ás persoas acollidas; un marco no que mantivo que dialogará coa entidade porque comprobou que "ten gran experiencia de actuación" con refuxiados. Así, asegurou que, xunto ao Goberno, van cooperar "moi activamente". Neste ámbito, tamén lembrou que nuns días o Goberno español revisará o status das persoas que viaxaban no 'Aquarius' para decidir en que situación quedan. No caso de que pasen a ser acollidos, avanzou que Provivienda "seguirá tutelando a súa estancia" e a FEMP participará para "ver a súa integración social e a súa forma de acollemento na cidade".

REFUXIADOS EN VIGO

Segundo comunicou  a finais de xuño a responsable territorial de Provivienda en Galicia, Ana Pardo, os 8 mozos acollidos en Vigo non teñen relación de parentesco entre eles, aínda que se coñecían desde antes de fuxir do seu país e manteñen "unha boa relación" trala viaxe en barco.

Ao chegar a Vigo recibiron roupa, calzado, produtos de hixiene, aloxamento e unha contía económica para os seus gastos, pero tamén se lles está proporcionando atención especializada, seguimento médico, asesoramento xurídico, e apoio social e psicolóxico. "Tentamos traballar para que se integren e que teñan opcións laborais e plena autonomía", remarcou. Do mesmo xeito que ocorre co resto de refuxiados, estes mozos contan cun permiso de residencia de 45 días, durante o que teñen que pedir asilo para poder entrar no sistema de protección internacional durante entre 18 e 24 meses (dependendo de se son persoas de colectivos con maior vulnerabilidade).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta