O circo volve tomar as rúas galegas

Chega o sol e con el, as ganas de troula e barullo. Disto entenden ben os que manexan as artes circenses, que nestes meses saen ás rúas... ou quizais nunca marcharon delas. Os artistas volven facer festa: sombreiros a voar e xente a rir. E GC estivo con eles para saber se esta arte milenaria segue estando de actualidade.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 13/07/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A rúa é aquel espazo por excelencia onde as persoas desenvolven relacións, interactuan e entran en contacto co terrotorio que se habita e a vida que se vive. Pero cada vez máis, inmersa como está a xente nesa voráxine da inmediatez e da rapidez, as rúas convértense en lugares onde milleiros de persoas pasan atarefadas cada día sen nin sequera saudarse ou mirarse. Sen miga de tempo, no día a día de cadaquén adóitanse ver como simple lugar de paso. No verán amaina algo a trasfega da xente. O ritmo baixa. O sol, as terrazas, os músicos...

Guillermo Solo no seu espectáculo
Guillermo Solo no seu espectáculo

... E o circo. O circo serve de calmante do apuro. De repente, alguén chega a unha praza calquera da cidade, cunha pequena maleta e unha pouca música, e fai espectáculo. A xente comeza a reunirse, gústalle, senta e queda, interactúa, ri e coñécese entre ela. Isto é o que acontece nalgunhas tardes de verán na Praza do Toural, da Quintana e de Praterías, en Santiago de Compostela. Tamén na Coruña, en Ourense e en Pontevedra, aínda que quizais con menos intensidade. Neste caso, Santiago conta con algo de vantaxe: nela atópase a nave de Circo Nove, unha auténtica factoría cultural que xurdiu da man da compañía Pistacatro e que xunta un bo feixe de profesionais do circo. 

Dani Blanco, Guillermo Solo Alfonso Medina son tres deles. Durante esta semana percorreron as prazas de Santiago para facer rir á xente de todas as idades que se ía reunindo ao seu carón. Atraídos quizais polos malabares ou polo humor destes profesionais, o certo é que os lugares en que cada un deles despregaba o seu espectáculo acababan ateigados. 

"O CIRCO DÁME LIBERDADE"

"Gústame poder chegar a unha praza onde non hai nada e facer que ocurra algo. Apórtame felicidade e liberdade". Son palabras de Dani Blanco, que leva 15 anos traballando no mundo das artes circenses. Viaxa por moitísimos lugares: Holanda, Alemaña, Arxentina... e recorda que comezou ensaiando na Casa Encantada, unha casa okupa da rúa Castrón douro que foi derrubada logo de moitas loitas por mantela viva. "Un día á semana quedabamos alí para facer malabares... e cando rematei a carreira de matemáticas dixen: 'eu quero facer isto, é o que verdadeiramente me gusta'".

Chegou a dar aulas, pero séntese máis agusto na rúa. Está en contra da ensinanza regrada porque "adoutrina a rapazada, só aprendemos a obedecer". O circo, segundo Dani Blanco, é máis libre e máis xusto. "Está sentado o rico co pobre. Gústame que ti non decides. Pasas, ías ir a outro lado e ocupas un tempo da túa vida que non tiñas pensado ocupar desta maneira", di. Así pois, estes espectáculos crean comunidade. "Hai que recuperar as rúas, son un espazo común. O espazo público, pola contra, é un espazo que xestiona o Estado. Eu penso que hai que volver ao común, e ao sentido común", conta riseiro. 

Este tipo de espectáculos na rúa levan o nome de "Circo á gorra" e consisten en dar o diñeiro que cres que merece o espectáculo unha vez que remata. Ademais desta fonte de ingresos, Dani Blanco dá clases de improvisación e leva polo mundo adiante os espectáculos da súa compañía, Assircópatas, que fundou con outra persoa. "O circo dáme para sobrevivir, pero para min isto xa é vivir".

"AS PRAZAS SON DA XENTE"

Igual ca Dani, Guillermo Solo tamén comezou facendo malabares. El traballaba de camareiro pero chegado un momento, decidiu probar sorte neste outro mundo, máis máxico. Estudou en Ferrol, nunha escola preparatoria de Madrid e no Centro Nacional de Circo de Londres. "Pouco a pouco fun aprendendo a técnica e un bo día dediqueime a isto. Para min é un soño que se fixo realidade... mais escoitaba agora unha canción que dicía: e que pasa cando fas realidade os teus soños e son o teu día a día? Tes que buscar outros soños?", analiza pensativo. 

O camiño non foi sinxelo: "ao principio non sae ben e rechinan moitas partes do espectáculo. Hai que ver como funciona o teu humor na rúa... Como conectar coa xente da cidade... Tardei tempo en coller a dinámica, pero cando a colles, quedas encantado. Cada vez é máis un subidón". No seu espectáculo hai malabares, lume e moito humor. As risas escóitanse a cada pouco e fan de Praterías unha praza acolledora, viva e leda. Da rúa di que é lugar cheo de estrelas e que lle gusta ilas descubrindo pouco a pouco.

O que máis o apena - e nisto coinciden todos -, é que "estes espectáculos estean prohibidos en moitos lugares. Sinto que hai moito medo, pero só duns poucos. Debe ser polo feito de querer controlalo todo ou de que a túa cidade sexa un museo".  Pero Guillermo teno claro: "as prazas son da xente". Explícame que dende sempre á xente lle gusta xogar e pasalo ben no espazo en que habita, é algo innato a nós. De feito, en Santiago hai máis de cen xogos de cruz e raia grabados na pedra. "Vale que é a pedra monumental, pero tamén é a cidade onde vivimos nós e a vida require algarabía".

"EU, OS MEUS TRASTOS, A RÚA E O PÚBLICO"

"Na rúa es libre", di Alfonso Medina, do Circo Medina. "Son eu só cos meus trastos, a rúa e o público". Non se precisa nada máis para pasar un bo anaco: "con pouco pode crearse un montón", só fai falta imaxinación. Fronte á Casa da Parra e acariñado pola Catedral á súa esquerda, encheu a Quintana de espectáculo durante máis de media hora: reviravoltas no aire, xogos de equilibrismo, risa e música. 

A Alfonso gústalle traballar nas prazas por que "son un termómetro perfecto: se o fas ben cobras, e se o fas mal non". Para el, consiste en toda unha aprendizaxe de vida. "Antonte estiven nesta mesma praza e foime moi mal. Entón vas para a casa, páraste a pensar e daste conta de moitas cousas sobre ti e sobre o público. Ás veces dáche unha cura de humildade", di sincero.

Ten o convencemento de que á rúa hai que darlle vida. "Está para usala!". Mais o certo é que se atopan con bastantes obstáculos para conseguir os permisos. Uns permisos que "deberiamos telos 'per se' e que temos que ilos loitando cada ano". Non sabe ben cal é a causa, pero cre que se lles ve como unha molestia. Hai moitas cidades en que a policía "vén e te leva". "A min téñenme dito burradas moi gordas, pero unha por outra: o aplauso do público bórrame todo iso", comenta.

E deixa claro que "pedir o teu soldo non é mendigar. Nós estamos facendo o mesmo ca os que traballan nun despacho e van buscar a nómina". A súa maior teima é que todo o mundo poida acceder á cultura, e traballar ao aire libre, para calquera e sen distinción de clase, convértese nunha maneira de conseguilo. 

En definitiva, a troula sempre estivo vinculada ás rúas como espazos para socializar, por iso o circo se complementa tan ben con elas. A estes tres profesionais úneos a liberdade que senten cando están dentro do espectáculo, cando enchen prazas de xente que non se coñece entre si, cando escoitan as reaccións dos cativos ou dos máis maiores... A do circo é unha profesión que vén de lonxe, que ten moita historia ás súas costas, dende sempre asociada aos homes como protagonistas, pero onde cada vez máis as mulleres se van facendo oco e pisan con forza os escenarios ou as rúas. "Hoxe en día hai máis pallasas, e fai falta moita pallasa", di riseiro Dani Blanco. Por que o circo é de todas e para todas.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Hipocalcemia

Espero no estar equivocada, pero en estos actos nunca usan animales o sí? porque si es así, en hora buena. https://www.hipocalcemia.info/

1 Compostela Aberta a privatizar

Para circo o de Compostela Aberta, que acaba de facer dúas cousas asombrosas: privatizar a escola infantil de Salgueiriños e darlle o servizo a unha empresa... do grupo Vendex. O ruturismo de Martiño Noriega