O BNG solicita ao Concello de Ferrol adquirir a tumba dos Franco

O portavoz nacionalista solicitou "a aplicación da lei de memoria histórica" na cidade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2018 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

O BNG solicitará ao goberno de Ferrol a adquisición da propiedade da tumba da familia Franco, segundo anunciou este xoves o seu portavoz municipal, Iván Rivas. Os nacionalistas deron a coñecer a súa postura ante o posible traslado dos restos de Francisco Franco á tumba familiar localizada no cemiterio municipal de Catabois. Así, despois de coñecerse a "cuestionable propiedade da familia", Rivas apuntou que solicitarán ao goberno municipal "a adquisición da propiedade da tumba" no próximo pleno ordinario.

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.. Europa Press - Arquivo
O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.. Europa Press - Arquivo

O motivo que alegou o portavoz nacionalista para esta adquisición é a falta do pago de impostos, "algo que está regulado". O regulamento, engadiu, di que "pasados dez anos o Concello pode adquirir a tumba", aínda que o BNG espera que no debate plenario o resto dos grupos municipais non se neguen "usando os contos da Lei de Propiedade Privada".

O único rexistro existente nos arquivos municipais de Ferrol é da existencia dun nicho propiedade do catro irmáns da familia Franco no desaparecido cemiterio de Canido en 1934 "e que logo se transformou nun mausoleo en Catabois, pero porque era o ditador", segundo declarou Iván Rivas. Outra das propostas que levarán os nacionalistas a este pleno ordinario será a petición de rexeitamento do traslado dos restos de Francisco Franco a Ferrol "a un cemiterio público". Respecto diso, Rivas lembrou que a cidade "xa está moi estigmatizada" e rexeitou que sexa "un lugar de peregrinaxe, agora que non queren os seus restos en Madrid".

PETICIÓN DE RETIRADA DOS SÍMBOLOS FRANQUISTAS DA CIDADE

Ao mesmo tempo, volveu a solicitar a retirada da placa na casa natal de Francisco Franco, situada na céntrica cale María, "na que se realiza exaltación do franquismo". O nacionalista lembrou que esta vivenda "foi reformada en 1950 con fondos públicos e até 1979 os veciños da cidade pagaban luz, auga e conserxe". Outro punto da cidade onde continúa a presenza de símbolos franquistas é na Praza de España, cunha placa nun dos seus edificios con motivo da súa inauguración por parte de Francisco Franco. Rivas tamén reiterou a demanda de que se retire, lembrando a moción presentada en xullo de 2017, rexeitada polo pleno municipal após un intenso debate.

No barrio de Caranza tamén está localizada a presenza dun busto de Francisco Franco nos xardíns do Hospital Juan Cardona, polo que Iván Rivas solicitou á dirección do centro hospitalario a súa retirada "en virtude da Lei de Memoria Histórica".

PRESENZA DE NOMES FRANQUISTAS NA REDE

Iván Rivas tampouco pasou por alto as novas tecnoloxías, en concreto Facebook, onde se fai referencia á cidade como O Ferrol do Caudillo, polo que o portavoz nacionalista solicitou "que o pleno se dirixa a estas empresas para que cumpran a Lei". O que lle chamou máis a atención é o erro que actualmente ten a web de turismo da Xunta de Galicia, onde o parque Alexandre Bóveda situado no barrio de Caranza "continúa co nome franquista de parque Camilo Alonso Veiga".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta