Temen que a Xunta dilate os prazos para corrixir o informe sobre a mina de Touro

A Plataforma de Veciños Mina O Pino-Touro Non iniciou unha campaña para recoller sinaturas de apoio en change.org. Por outra parte, desde a plataforma temen que o goberno galego estea dilatando os prazos para que Cobre San Rafael S.L. Corrixa o informe de impacto presentado á Xunta.

Por Galicia Confidencial | O Pino-Touro | 13/07/2018 | Actualizada ás 11:59

Comparte esta noticia

O membro da Plaraforma de Veciños, Rubén Souto declarou que “a idea detrás da recollida de sinaturas en Change.org é a de darlle un lugar a quen non puido asinar durante a manifestación en contra da mina ou non puido facelo ata o de agora”.  Nestes momentos, pasadas algo máis de corenta horas desde o seu comezo, a campaña recolleu máis de 4.500 sinaturas. “Daría como resultado dúas sinaturas por minuto” comenta Souto.

O conselleiro de Economía, Francisco Conde
O conselleiro de Economía, Francisco Conde

O obxectivo é poder frear o proxecto mineiro que Cobre San Rafael S.L. Ten pensado realizar entre os concellos de Touro e O Pino, reabrindo as antigas instalacións mineiras abandonadas no ano 1986. Estas instalacións a día de hoxe segundo denuncias dos veciños estarían contaminando acuíferos da zona con metais pesados, sobre todo en épocas de grandes chuvias, cando a balsa de líquidos da vella mina reborda e verte ás correntes de auga próximas a dita balsa.

DILACIÓN DOS TEMPOS

Por outra banda, Rubén Souto sinalou tamén o temor da Plataforma veciñal ante a posible dilación dos tempos para que “a empresa concesionaria poda corrixir as alegacións que se lle puideran ter presentado ao proxecto da mina”. Isto baséase na intervención do conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, cando declarou que o proxecto é inviable tal e como está presentado. “Pensamos que esta é unha maneira de darlle a oportunidade á empresa para corrixir o documento presentado” declara Souto.

As  palabras do conselleiro de Economía respondían ás preguntas do deputado de En Marea, Pancho Casal, baseándose no informe de Augas de Galicia. Este documento indica, segundo se dixo en sede parlamentaria, que as augas de todos os ríos que arrodean as instalacións mineiras estarían contaminados. O conselleiro Francisco Conde sinalou como demagóxica a intervención do deputado Casal, para rematar apuntando que a avaliación arredor do río Ulla non contempla que estea contaminado por causa das verteduras desde a vella mina de Touro.

“A cuestión é que se é inviable se lle dea porta dunha vez, non nos vale que cambien ou pinten bonito os defectos, porque as consecuencias serán moi importantes” sinala Rubén Souto. Tamén apunta o membro da Plataforma veciñal contraria á mina, que a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago, logo de reunirse con Cobre San Rafael S.L., elaboraron un documento no que mostran a súa preocupación diante dos efectos que tería o proxecto sobre o Camiño Francés, a ruta máis coñecida e percorrida do Camiño de Santiago. Entre outros puntos, o documento sinala o posible impacto sobre o Camiño ao estaren as explotacións mineiras a unha distancia curta da ruta. Tamén sinalan que ata o de agora se descoñece a superficie total que estaría afectada pola actividade estractiva. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta