Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/07/2018 | Actualizada ás 15:25
Varias asociacións e organizacións veñen de poñer en marcha a campaña 'Se sentes Galicia, consume do noso', para "galeguizar a economía e galeguizar o consumo".
Os asociados nesta campaña advirten de que se os consumidores non se decantan polo consumo propio e optan por produtos foráneos, córrese o risco de "reducir nosa actividade extractiva e industrias de transformación, contribuindo ao subdesenvolvemento económico de Galicia".
A campaña pretende concienciar de que "o sector agroalimentario e as súas industrias transformadoras necesitan de consumidores responsables". "Precisamos dunha política competitiva para gañarmos mercados internacionais; pero tamén a implicación no consumo interno que faga posible a viabilidade das nosas explotacións agrarias e das súas industrias".
Así, advirten de que "unha economía débil e unha lingua restrinxida únicamente a ámbitos literarios, precisan dunha alianza para afortalárense mutuamente. Velaí porque a lingua debe estar indisolublemente unida á economía", defenden.
Os consumidores "teñen a palabra final". "Se queren ter unha economía propia, sólida, que garanta o medio de vida dos seus cidadáns, deben consumir produtos xerados no país. E se tamén queren que o futuro da lingua galega teña, tal como dicía don Álvaro Cunqueiro mil primaveras máis, noso idioma debe campar nas etiquetas dos nosos produtos como garantía de calidade e denominación de oríxe", din os impulsores da campaña.
Estes son os colectivos que aparecen asociados no dominio galeguizargalicia.com, responsables deste campaña: Foro E. Peinador, que desenvolve as súas actividades galeguizadoras no ámbito empresarial, tradicionalmente arredado da nosa cultura e lingua; Fundación L. Peña Novo, que estimula o uso da lingua galega, oral e escrita, no funcionariado; Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, decana das asociacións no fomento do uso da lingua galega en todas as administracións públicas de Galicia; Irmandade Xurídica Galega, formada por profesionais do Dereito, que se esforzan por galeguizar as oficinais xudicias, rexistros e notarías, facultades de dereito e institucións colexiais; Asociación de Amigos do Couto Mixto, que recupera as raíces daquela entidade territorial singular arraiana, e tenta atopar no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal un escenario para achegármonos a unha cultura e tradicións comúns; e a Asociación Álvaro das Casas, que centra a súa atención na galeguización do sector vinícola e agroalimentario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.