Cooperativas de enerxía renovable: a alternativa aos oligopolios

Un estudo sobre organizacións cooperativas de enerxías limpas salienta o auxe destas iniciativas en España e, no territorio galego, o caso de Nosa Enerxía.

Por Alberto Quian | Madrid | 12/08/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As organizacións cooperativas para o fomento da produción e consumo de enerxía renovable están en pleno auxe en medio mundo, como alternativas aos mastodónticos oligopolios enerxéticos. Agora, investigadores da Universidade do País Vasco afondan no estudo destas cooperativas que promoven a enerxía renovable en España, entre as que se atopa a galega Nosa Enerxía.

Promotores de Nosa Enerxía.
Promotores de Nosa Enerxía.

Os autores salientan que "España é un bo exemplo da forza da nova xeración de cooperativas de enerxía renovable", xa que "son alternativas lexitimadas e ben posicionadas que aspiran a competir en mercados dominados por grandes compañías que compiten en contornas oligopólicas".

Destas cooperativas destacan o "potencial para baixar o prezo de compra da electricidade e para loitar contra o poder das empresas que operan en mercados oligopólicos".

CAUSAS DO ASCENSO

Pero a que se debe este auxe das cooperativas de enerxía limpas? Segundo os investigadores da Universidade do País Vasco, "en España podería deberse á insatisfacción de cidadáns e consumidores co modelo enerxético caracterizado polo predominio dos chamados '5 grandes' (big five)", isto é, as cinco grandes compañías eléctricas que dominan o mercado español de enerxía eléctrica: Endesa, Iberdrola, Gas Natural Fenosa, EDP España e Viesgo.

Os autores destacan como factor "moi relevante" o "potencial para baixar o prezo de compra da electricidade —que aumentou considerablemente nos últimos anos, ata converterse nun asunto político e na axenda dos medios— e para loitar contra o poder das empresas que operan en mercados oligopólicos".

No que se refire á política de prezos, a galega Nosa Enerxía explica na súa declaración de misión que "o obxectivo é a comercialización da enerxía que provén de fontes renovables para todos os membros da cooperativa, brindándolles un servizo de calidade a un prezo xusto".

COLABORACIÓN

Entre todas, os autores destacan o "papel reitor desempeñado pola pioneira Som Energia", á que atribúen o logro de ter inaugurado e espallado unha nova cultura enérxetica en España, incitando á creación de novas organizacións con "discursos, principios e prácticas similares".

Un modelo, o que se aplica aquí, que bebe do aplicado Alemaña, un dos países pioneiros na aposta polas enerxías renovables e as cooperativas. Esas semellanzas atópanse na "capacidade de desenvolver estruturas análogas e de organizarse en asociacións ou redes para enfrontar grandes retos", explican os autores.

Así, destácase a creación, en maio de 2016, da Unión Nacional de Cooperativas de Enerxía Eléctrica Renovablea (UNCCUER), co obxectivo de unificar todas as cooperativas en España. A asociación agrupa actualmente 17 organizacións de ámbito municipal/rexional, que suman máis de 25.000 socios.

O "papel central do voluntariado" e a "contribución" destas organizacións "tanto á comunidade como ao medio ambiente" son tamén factores a destacar.

A UNCCUER, na que se integra Nosa Enerxía, ten como obxectivo "propugnar o consumo responsable, a economía local e a xeración renovable distribuida", ademais de "agrupar esforzos na promoción conxunta da comercialización de enerxía 100% renovable e cooperativa".

Varias das cooperativas creadas en España están tamén asociadas na Federación Europea de Cooperativas de Enerxía Renovable (REScoop) e existen contactos sólidos e proxectos conxuntos entre, por exemplo, Som  Energia, Goiener e Nosa Enerxía.

No traballo tamén se salienta a dimensión social destas cooperativas, destacando o "papel central do voluntariado", así como a "contribución" destas organizacións "tanto á comunidade como ao medio ambiente".

Pero tamén hai diferenzas e singularidades no que se refire ás ambicións expresadas por estas cooperativas. "Nalgúns casos, a aspiración real destas organizacións non vai máis aló da venda de 'enerxía verde' (é dicir, a enerxía asegurada polo mecanismo dos Certificados de Garantía de Orixe). Noutros casos, a aspiración é bastante diferente, xa que apuntan a desenvolver proxectos específicos para producir enerxía renovable", detallan os investigadores.

"Diversas barreiras financeiras, normativas e perceptivas" impiden que estas iniciativas "cheguen a amplos segmentos da poboación española".

FUTURO

Con todo, aínda é moi cedo para falar dun mercado alternativo con músculo suficiente como  para comprometer o oligopolio enerxético, xa que "a proporción de enerxía renovable xerada polas cooperativas en España, como en todos os países industrializados, segue sendo mínima". Isto débese, principalmente, ás "diversas barreiras financeiras, normativas e perceptivas" que existen, argúen os investigadores, en base ao seu traballo de campo.

Iniciativas das administracións públicas, como a que emprendeu o Concello de Ames en 2016, ao contratar a Nosa Enerxía a subministración de enerxía eléctrica para as instalacións municipais da Aula da Natureza, empurran aínda máis o cooperativismo enerxético.

"O futuro dirá se estas cooperativas de enerxía renovable son capaces de adquirir un tamaño e unha masa crítica mínima para chegar a amplos segmentos da poboación española, algo que actualmente está fóra do seu alcance", conclúese no traballo 'The emergence of renewable energy cooperatives in Spain: A review', que publica a revista Renewable and Sustainable Energy Reviews.

O estudo fíxose con fontes de datos primarios e secundarios, revisándose as principais características, motivacións e desempeño destas organizacións que promoven iniciativas comunitarias para a enerxía renovable. Está asinado por Iñaki Heras Saizarbitoria, Lucía Sáez, Erlantz Allur e Jon Morandeira,  da Facultade de Economía e Empresa da Universidade do País Vasco.

AS COOPERATIVAS GALEGAS, AS MÁIS SÓLIDAS EN ESPAÑA

Outro estudo recente sobre o mundo do cooperativismo, en xeral, concluíu que "o cooperativismo en Galicia posúe unha taxa de mortalidade moi reducida", moito menor que no resto do Estado, mostrándose máis sólido no noso país que na nosa contorna.

Así o reflicte o estudo 'Emprendimiento Cooperativo en Galicia con perspectiva de género: una forma de afrontar la crisis económica (2008 – 2014)', asinado por Ana Olveira Blanco, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que a autora afirma que "é evidente a diferenza no comportamento que existe entre as realidades galegas e do conxunto do Estado" neste eido.

En concreto, o cooperativismo en Galicia non seguiu a mesma tendencia que o tecido empresarial xeral durate os anos duros da crise económica e foi capaz de crear emprego, en concreto "un total de 206,63 postos de traballo, pasando de significar un 0,84% das persoas ocupadas en Galicia no último trimestre de 2007 a un 1% seis anos máis tarde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta