Buscando fórmulas para a transición do rural cara a sostibilidade

Especialistas de todo o mundo reúnense en Santiago de Compostela para propoñer solucións aos problemas do rural baixo o título "Sistemas rurais infinitos nun planeta finito".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/07/2018 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A cuestión da sostibilidade supón, dende as últimas décadas, unha preocupación central para a xeografía. E dicir, formular solucións para as diversas problemáticas dos infinitos sistemas rurais que existen para tratar de superar os desencontros e as contradicións sobre a complicada transición do rural cara a sostibilidade.

Rubén Lois, Holly Barcus, Francisco Durán, Román Rodríguez, Vicente Pérez, Valerià Paul
Rubén Lois, Holly Barcus, Francisco Durán, Román Rodríguez, Vicente Pérez, Valerià Paul | Fonte: USC

Iso é o que se propoñen os especialistas reunidos estes días en Santiago: reducir as diversas brechas e diferencias que existen entre as redes agroalimentarias, entre as actividades rurais, entre os usos conflitivos da terra, entre as imaxes rurais e a "realidade sombría", entre a expansión urbana e a agricultura e a preservación de espazos abertos e coas zonas rurais remotas, de baixa densidade e de montaña. E fano no 26 coloquio da Unión Internacional de Xeografía, que se decidiu dedicar enteiramente a esta cuestión no seu coloquio anual. 

O 26 Coloquio da Comisión de Sustentabilidade de Sistemas Rurais da IGU (CSRS-IGU) titulado "Sistemas rurais infinitos nun planeta finito" desenvólvese na Facultade de Xeografía e Historia para trasladarse a finais de semana a A Veiga e A Ulloa.

Está organizado polo Grupo Ante da USC e pola citada comisión. A inauguración do encontro celebrouse este luns 16 no Paraninfo da Universidade coa presenza do vicerreitor de Investigación, Vicente Pérez Muñuzuri; o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o decano do centro anfitrión, Francisco Durán; o director do Departamento de Xeografía da USC e vicepresidente da IGU, Rubén Lois; o profesor da USC e director do Coloquio, Valerià Paul; e os representantes do CSRS-IGU, Holly Barcus e Serge Schmitz.

O ENCONTRO

Durante todo o encontro prestarase especial atención á escala local, sen deixar de lado outras interrelacionadas para cumprir co esforzo de pechar as brechas cara á sostibilidade. A partir de aí, África e América Latina serán rexións tamén representadas nas distintas sesións, nas que Galicia ocupa un lugar central por ser “un laboratorio adecuado para colmar as lagoas con respecto a esta problemática”, como sinalan os organizadores.

A comunidade galega conta cun campo “altamente innovador” e con “sistemas agrícolas tecnoloxicamente avanzados, como as industrias hortícolas e lácteas”. Neste senso, “estas industrias teñen un impacto considerable no medio ambiente e deben adaptarse constantemente  ao marco variable da Política Agrícola Común da UE”.

O Comité organizador destaca igualmente como, no caso galego, as redes alternativas e alimentos emerxentes coexisten nas mesmas áreas que a agricultura convencional, “formulando preguntas constantes sobre a compatibilidade e a competencia”. Nesta mesma dimensión “dedicáronse importantes inversións da UE ao crecemento do sector do turismo rural, pero a sustentabilidade económica desta industria punta cuestiónase constantemente”. En termos espaciais, moitas áreas “están baixo a presión dun importante fluxo turístico global, como o Camiño de Santiago, con centos de miles de peregrinos cada ano”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta