O portavoz de En Marea cre que Feijóo se mostrará como "corrupto, cínico e indolente" na reunión con Sánchez

O portavoz rupturista acusa a Feijóo de ser "hipócrita" por "porse farruco" co Goberno central despois de "dous anos de afonía interesada".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2018 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

O portavoz de En Marea, Luís Villares, cargou este luns contra o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de ser un "hipócrita" porque, coa chegada dos socialistas ao Goberno central, pretende "porse farruco" logo de "dous anos de afonía interesada". "É un Feijóo renovadamente cínico, corrupto e indolente", espetou nunha rolda de prensa na que Villares asegurou que esa imaxe é a que se verá este martes no encontro que manterá o xefe do Executivo galego co presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Luís Villares, este luns. EN MAREA
Luís Villares, este luns. EN MAREA | Fonte: Europa Press

"O único sincero que se poderá ver (este martes) será cando se lle escape un salouco a Feijóo subindo as escaleiras de Moncloa, que xa nunca poderá subir como presidente do Goberno estatal. O resto será postureo", remarcou Villares, que apuntou que "os intereses sucesorios" do presidente galego foron "descabalgados polos segredos mellor gardados" por Soraya Sáenz de Santamaría. Así, despois de remarcar que Feijóo é "un presidente amortizado" para Galicia, acusou ao líder dos populares galegos de ser "cínico" por "reclamar agora" o traspaso da AP-9 cando o seu partido "vetou até en catro ocasións" no Congreso o debate dunha lei aprobada por unanimidade na Cámara galega.

A continuación, tachou a Feijóo de "renovadamente corrupto" por apoiar cos votos do seu partido na Cámara galega a continuidade de Milagros Otero á fronte do Valedor do Pobo a pesar da anulación por parte do TXSG "do nomeamento a dedo da sobriña de Fraga e irmá do portavoz popular no Parlamento". "Un enchufe de parente e amigos do partido de toda a vida, que leva o selo de Feijóo", engadiu Villares.

EXPLOSIÓN PARAMOS

Así mesmo, tamén cualificou de "indolente" ao xefe do Executivo autonómico porque, segundo Villares, irá a Madrid a "pedir" ao Goberno central axudas para os afectados pola explosión do almacén clandestino de piroctenia en Paramos --Tui (Pontevedra)--, cando "aquí non manifesta nin a máis mínima humanidade polas vítimas".

Deste xeito, lembrou que, durante o pleno da pasada semana, os populares "votaron en contra" de "ofrecer atención psicolóxica ás vítimas" ou que "se negaron a aprobar" axudas económicas que sufraguen "o 100 por 100" dos gastos de reconstrución das casas dos afectados. "Para Feijóo, as vítimas de Paramos son algo culpables da explosión e por iso terán que pagar do seu peto parte do valor das vivendas e dos vehículos", incidiu Villares. "Mañá veremos a un Feijóo farruco que en realidade é unha lagartixa que axita moito a cola para que pareza que está vivo, cando é absolutamente inofensivo, porque está amortizado politicamente", concluíu Villares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta