Feijóo pedirá este martes "solemnemente" a Sánchez que "manteña os compromisos" con Galicia

O AVE en 2019, a titularidade da AP-9, axudas aos afectados da explosión de Tui e un financiamento autonómico nova, entre os asuntos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2018 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reunirase este martes co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, no marco da rolda de contactos que iniciou cos mandatarios autonómicos, despois da moción de censura que expulsou ao PP do Goberno central.

Feijóo e Rajoy xuntos o pasado venres 13 de xullo en Boisaca, Santiago
Feijóo e Rajoy xuntos o pasado venres 13 de xullo en Boisaca, Santiago | Fonte: Europa Press

Deste xeito, o titular do Goberno galego --que acode en terceiro lugar por ser Galicia nacionalidade histórica-- pedirá a Pedro Sánchez "solemnemente" que manteña os compromisos xa adquiridos por Mariano Rajoy. "O que cambiou foi o partido que apoia ao Goberno, pero non cambiaron os compromisos", sinalou. "O Goberno de España non ten un compromiso en función do partido en que milita quen está á fronte, ten un compromiso cos pobos. O único que imos pedir, lembrar e refrescar son os compromisos do Goberno de España con Galicia", manifestou Feijóo este luns, en vésperas ao encontro co xefe do Executivo central.

Entre os asuntos que levará a Moncloa, figuran o compromiso coas infraestruturas ferroviarias e manter os prazos do AVE en probas a finais de 2019, un modelo de financiamento autonómico que recolla a dispersión territorial e o envellecemento, a transferencia da AP-9 (até agora vetada no Congreso polo Goberno do PP) e a colaboración nas axudas para os afectados pola explosión pirotécnica de Tui. Feijóo sinalou que o PSOE era "moi ambicioso" nas súas propostas ante o Goberno de Mariano Rajoy, pero subliñou que el unicamente pedirá o que xa tiña "acordado" co executivo anterior e figura nos orzamentos do Estado e nos acordos protocolizados.

OUTROS ASUNTOS

Ademais destes asuntos, os populares presentaran un decálogo de peticións ao Goberno de Sánchez, tamén coincidentes con asuntos xa demandado, como é o compromiso coa construción naval nos estaleiros públicos de Navantia. A cita de ambos os dirixentes producirase despois de que o Parlamento pronunciouse, por terceira vez, a favor do traspaso da titularidade da AP-9 e de que aprobase, tamén por unanimidade, unha proposición non de lei na que insta á Xunta a proporcionar a documentación necesaria e instar o Goberno central a iniciar as accións legais oportunas para recuperar o Pazo de Meirás, en poder dos herdeiros de Franco, para o patrimonio público.

Aínda que o acordo unánime sobre o Pazo de Meirás é máis recente e o presidente autonómico non se pronunciou publicamente sobre el, Feijóo si advertiu de que esixirá a Pedro Sánchez "o mesmo" que ao goberno da súa mesma cor política, cando era presidente Mariano Rajoy. Ademais, Feijóo, nunha intervención a semana pasada, advertiu de que non permitiría "interferencias" nos compromisos con Galicia nin que se "movan comas" do pactado anteriormente. "A nós non nos vai a marcar a axenda nin os nacionalistas vascos, nin os independentistas cataláns nin Podemos", avisou e confiou en que a Sánchez tampouco.

"VÉMOLO CON MÁIS OPTIMISMO"

Sobre este encontro pronunciouse tamén este luns o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen dixo que o ve "con máis optimismo" despois de que o delegado do Goberno, Javier Losada, brindase "colaboración" en días pasados en canto aos obxectivos en marcha, e fronte á postura do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Preguntado por se coñecía se a recuperación do Pazo de Meirás está entre os asuntos que figuran no cartafol do presidente, Pedro Puy indicou que el "non está na axenda" de Feijóo, pero mostrouse "seguro" de que o Goberno da Xunta "vai cumprir a petición unánime" de trasladar toda a documentación ao Executivo central.

SETE ANOS

Após sete anos con Mariano Rajoy como presidente en Madrid, Feijóo volverá reunirse cun titular do Goberno de distinta cor ao Partido Popular, como xa fixese cando asumiu o mandatario galego a Presidencia da Xunta. Concretamente, Feijóo gañou as eleccións en marzo de 2009, cando gobernaba José Luis Rodríguez Zapatero no Estado e en xuño dese ano viaxou a Madrid para reunirse co entón presidente socialista, que en 2011 perdeu as eleccións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

O Visconde da Galaecia Alberto Madrugapouco vaille pedir o Señor de La Moncloa que cumpra as promesas valeiras de don Mariano el Incumplidor, e que faga realidade as mentiras de Rajoy, xa que non foi quén de acadalo cando gobernaba o seu ppartido. Como antifranquista de todalavida vaille pedir a devolución do Pazo de Meiras, e como galego a traida dos restos de El Caudillo para o Panteón de Gallegos Ilustres. Se van a enterar en Madrí quién es el eterno delfín de Mariano.

1 Agora si...

Vai exixirlle ao PSOE o que o seu partido incumpriu e se negou a facer, non se pode ser máis hipócrita ca un PPeiro...