Un proxecto urbanístico pon en perigo o último "Paraíso" ecolóxico de Oleiros

O lugar coñecido como Paraíso no concello de Oleiros está no centro da polémica entre autoridades municipais, constructoras e asociacións de veciños. É un bosque que foi medrando logo de décadas sen coidados dos terreos por parte das familias propietarias. Agora un proxecto urbanístico acabaría por edificar en máis da metade dun espazo que é considerado por moitos como o pulmón da Ría do Burgo.

Por Moncho Mariño | Oleiros | 16/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os concellos de Oleiros, Cambre e Culleredo convertéronse a partir dos anos 80 en lugares onde construir vivenda que desconxestionase o veciño municipio coruñés. Isto trouxo unha transformación tanto urbana como paisaxística que incidiu no estilo de vida das veciñas e veciños como na expansión económica no sector servizos. Como era de esperar, todo isto traduciuse nunha diminución en espazos verdes, que aínda sendo de propiedade privada moitos deles, supuxo en moitas ocasións a desparición dunha paisaxe case rural a outra urbana.

Bosque de Oleiros
Bosque de Oleiros | Fonte: change.org

A presión exercida pola actividade urbanística sobre un espazo non deixa indiferente a ninguén, ben pola oportunidade económica que supón para unhas persoas, ben polo deterioro ambiental para outras. Este sería o caso dos terreos denominados O Paraíso, situados no Concello de Oleiros, cando desde o ano 2011 veciños da zona din que se están a efectuar cortas de árbores e peche de camiños, todo en previsión de construir vivendas tanto individuais como colectiva. O proxecto xa viría de lonxe, desde o ano 1995, con todo, hai quen pregunta por que agora é cando se van facer obras neste lugar cando xa se puideran ter feito hai algo máis de dúas décadas.

OS TERREOS

O total de metros cadrados obxectivo da polémica son 12.400. Dentro desa superficie existe segundo Charo López, presidenta da Asociación de Veciños Colonia O Paraíso, “un bosque que se desenvolveu de maneira natural ao non facérense traballos de mantemento nesas fincas”. O desenvolvemento deste bosque serviu para que “cheguen aves migratorias que van desde o norte de Europa cara o Sur”. “Durante anos non se lle tocou a esa superficie, un lugar onde os veciños ían de paseo, coller castañas ou aproveitaban algún camiño para baixar á ría”.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, en declaracións a Galicia Confidencial sinalou que “ese lugar xa era unha urbanización e era propiedade privada dunha familia de xoieiros da Coruña e aí residían persoas con poder adquisitivo que viñan de Madrid e doutros lugares”. Como proba, García Seoane apunta que “aínda existen dous marcos que servían para estender unha cadea que cortaba o camiño, pois as rúas eran privadas, e tamén se conserva un letreiro que di “Propiedade Privada””.

Fotografía aérea do Paraíso en Oleiros
Fotografía aérea do Paraíso en Oleiros | Fonte: Pontevedra Viva

Con todo, a Asociación de Veciños di que un dos camiños que entraban no bosque era de propiedade privada segundo o concello, pero desde o ano 2012 é de propiedade pública. Outro camiño “veciñal” tamén segundo a Asociación de Veciños “que usabamos para acceder á ría” finalmente foi pechado no 2011 por ser terreo privado. “O certo é que o concello lles reclama aos construtores catro anos de Imposto de Bens Inmobles (IBI)” declara López.

CUESTIÓN DE PROXECTOS

A cualificación dos terreos como urbanos ou non urbanos sempre é cuestión de polémica. No caso de O Paraíso en Oleiros, estas propiedades foron recoñecidas como chan urbano. “O terceiro plano (PXOM) declara que é chan urbano pero preserva unha zona verde xunto á liña de costa máis o paseo marítimo” di García Seoane. A superficie recoñecida como zona verde son algo máis de 7.000 metros cadrados. “Realmente, o volume de construción segue sendo o mesmo desde o primeiro plano, o 05, pero agora non se permite construir en toda a área”.

A realidade é que sendo propiedade privada, as fincas foron vendidas a diferentes empresas e a última que ten titularidade é Urbanización El Paraíso 2005 S.L. Esta empresa está relacionada cunha serie de empresarios vinculados tanto á construción como a outras actividades. Entre as persoas participantes no proxecto figuran parentes e socios de José Collazo Mato, recoñecido empresario coruñés. Outro dos nomes apuntados pola Asociación de Veciños Colonia O Paraíso sería Joséfa Ortega, irmá do empresario Amancio Ortega.

O proxecto ideado para a zona contempla edificar unha vivenda colectiva baixo cuberta ademais de vivendas individuais, en total noventa e dúas vivendas poderían ser construidas neste espazo. O caso é que o período de alegacións ao proxecto comezou o 20 de xuño e rematará, segundo ADEGA Coruña, este mes de xullo. “Logo de vinte e tres anos de espera para construir cando se esmagou todo arredor da ría do Burgo, é incomprensible” di Amancio Sotillo de ADEGA Coruña. “As dinámicas administrativas cambiaron e por tanto non deberían sacarse da neveira os proxectos só cando interesan” di Sotillo.

PERSPECTIVAS

Charo López apunta que “se se constrúen todas as vivendas programadas, cada unha en teoría  tería o seu vehículo, isto aumentaría o volume de tráfico e por tanto os problemas para o acceso á N-VI”. Diante disto e das consencuencias medioambientais que podería traer a edificación dos terreos, López di que “ademais dos veciños da zona buscaremos o apoio doutros lugares e persoas e tamén presentaremos as correspondentes alegacións”.

Fronte a esta postura, o alcalde García Seoane considera que “isto son posturas politicamente interesadas, porque só se mobilizaron a presidenta da Asociación de Veciños e os concelleiros do BNG de Oleiros, Cambre e Culleredo, por tanto que deixen de facer demagoxia”.

Actualmente cortáronse xa varias árbores, trescentas segundo a Asociación de Veciños, “ademais, tamén pretenden canalizar o regato que pasa por este lugar” di Charo López que tamén denuncia a falta de limpeza no nacemento do regato “que está cheo de plásticos” e tamén a ausencia “de barrendeiro para esta zona”. Adega Coruña indica que “son moitos os intereses privados que hai detrás, este é o único espazo natural que queda xunto á ría e é un lugar atractivo” para os intereses inmobiliarios.

Dito o dito, a polémica sobre O Paraíso de Oleiros está sobre a mesa. O abandono das fincas que forman o lugar propiciou o nacemento dun bosque que, legalmente, é propiedade privada, pero que segundo veciños do lugar é a única zona verde autóctona que queda na ría do Burgo. Por outra banda, desde a alcaldía aseguran que se deixarán espazos para zonas verdes e para a continuación do paseo marítimo mentres que se acusa de demagoxia as actuacións de asociacións de veciños e grupos políticos. A finais de xullo é posible que se dea unha solución ao debate. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 sermos mantidos

O alcalde vitalicio "comunista" de Oleiros defendendo, unha vez máis e con palabras certas,, a caste e os intereses dos ricos. O papel deste farsante é vomitivo.

1 José

Non será a típica manipulación pepeira para restar votos, enganar incautos e facerse coa alcaldía para, entón sí, comezar a desfeita?

2 Moni

Se pensas que Gelo é defensor da casta e dos intereses dos ricos, date unha volta por Sada, Arteixo, Bergondo... para teres algo de perspectiva. Recórdoche que o plan urbanístico de Oleiros é modélico a nivel europeo. Outra cousa é que os ricos elixan este concello pola calidade de vida que ofrece