Temas: VELUTINA BNG

O BNG demanda á Xunta que invista en "investigación" para combater a avespa velutina

A deputada Olalla Rodil afea ao Concello de Lugo e ao Goberno galego que "miren para outro lado" con respecto a este "problema".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2018 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

A parlamentaria por Lugo do BNG, Olalla Rodil, demandou hoxe á Xunta que invista en "investigación" para combater a "praga" da avespa velutina. A deputada apelou á "necesidade" de que o Goberno galego "se implique e teña unha política planificada". Unhas críticas que chegan cando o xornal La Voz de Galicia leva días cunha campaña sobre esta problemática, tras a a morte en Viveiro dun home que foi picado por avespas. Unha morte que a familia di que foi pola avespa asiática e profesionais e políticos apuntan á avespa autóctona.

Olalla Rodil, deputada do BNG, en rolda de prensa. Europa Press - Archivo
Olalla Rodil, deputada do BNG, en rolda de prensa. Europa Press - Archivo | Fonte: Europa Press

"Que invista nunha cuestión que é fundamental como é a investigación, porque a velutina chegou para quedar e imos ter que adaptarnos para convivir con esta nova realidade", sentenciou. A nacionalista compara a situación en Galicia, acusando á Xunta de dar as costas a este problema, co que ocorre no País Vasco, "onde a diferenza é abismal".

Así, subliñou que "mentres que as autoridades vascas si que teñen unha implicación e unha planificación desde hai anos para facer fronte ás consecuencias e prexuízos económicos e medio ambientais, en Galiza non hai ningún tipo de planificación, nin de dotación de recursos suficientes para os apicultores".

A continuación, Rodil alertou de que esta praga se estende, sobre todo na comarca da Mariña, e tamén no interior da provincia de Lugo, en concreto na cidade co avistamento tamén de niños desta avispa "invasora".

O CONCELLO "MIRA PARA OUTRO LADO"

A deputada tamén aproveitou para afear que o Concello de Lugo "mire para outro lado", aínda que conclúe que "tampouco pode mirar para outro lado o PP na Xunta" para facer fronte a este "problema". Este luns en Viveiro enterrábase a un home de 43 anos que faleceu pola picadura dunha avispa o sábado cando rozaba uns terreos, cuxo orixe se descoñece (se velutina ou autóctona), segundo distintas fontes, ata que se esclarezan os resultados da autopsia.

Temas: VELUTINA BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta