Pontón volve falar da reunión de Sánchez e Feijóo: "Que sexa ás 5 da tarde mostra a irrelevancia de Galicia"

Asegura que para que iso non aconteza o país ten que ter "forzas políticas propias".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2018 | Actualizada ás 14:47

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este martes que a reunión que se producirá este mesmo día ás 5 da tarde entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, é unha mostra da "irrelevancia política" que ten Galicia no conxunto do Estado español.

Ana Pontón en Ourense este martes
Ana Pontón en Ourense este martes | Fonte: Europa Press

Este luns Potón tamén se refería a esta xuntanza instando ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a non empregar "os intereses" de Galicia como un "arma partidista" para "desgastar" ao Partido Socialista na súa reunión deste martes co xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

Pontón responsabilizou diso ao titular do Goberno galego, ao que acusa de aceptar a "submisión ás políticas de Rajoy" durante dez anos e de ir a Madrid "devaluando a Galiza nunha cita que se producirá pola tarde", segundo subliñou aos medios de comunicación na zona de O Polvorín (Ourense) tras abordar a situación actual dos ríos da cidade.

"O señor Sánchez reuniuse con anterioridade co presidente do País Vasco e o presidente de Cataluña e foron citas de máximo nivel, non foron ás 5 da tarde, senón á primeira hora da mañá e eran o punto central da axenda política do Estado", criticou Pontón.

Así mesmo, a portavoz nacional do BNG destacou que o encontro sinalado "faise xusto o día no que Sánchez comparece no Congreso dos Deputados para dar explicacións sobre cales van ser as súas liñas de goberno", o cal denota, ao seu modo de ver, "até que punto Feijóo está a conducir a Galiza cara á irrelevancia política".

Así as cousas, Ana Pontón asegurou que, para "cambiar este guión", Galicia "necesita ter forzas políticas propias, unha representación que non dependa dos partidos estatais", xa que, na axenda destas formacións, a Comunidade "sempre é a última carta da baralla". "Non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco aceptamos ser menos", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta