O informe sobre a seguridade da curva de Angrois era "impecable", segundo o xefe de seguridade

Nega que se aumentase a formación tras o accidente: "Intensificouse ou especializou tal e como se faría noutra liña, pero non se incrementou".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/07/2018 | Actualizada ás 19:35

Comparte esta noticia

O xefe de maquinistas de Renfe José Ramón Iglesias Mazaira asegura que tramitou "de forma impecable" o informe que redactou un ano e medio antes de que ocorrese o accidente de tren en Angrois (Santiago), no que falaba dunha serie de anomalías na vía.

O xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira, no Congreso. CAPTURA
O xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira, no Congreso. CAPTURA | Fonte: Europa Press

Así o afirmou Iglesias Mazaira este martes na comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de 2013, onde sinalou que, aínda que non recibiu presións por parte da compañía "a nivel funcional", si lle transmitiron que non presentou dunha forma adecuada o seu informe.

Con todo, o xefe de maquinistas confirmou que se as recomendacións para mellorar as condicións da vía non chegaron máis aló non foi pola súa actuación, senón porque os encargados da seguridade de Renfe "creron que non había que levar a cabo ningunha actuación".

Iglesias relatou como levou a cabo a presentación do informe a partir dunha solicitude do encargado de sistemas após observar "anomalías e particularidades" na transición entre o sistema 'ERMTS' e o 'Asfa', tras o cal enviou un correo electrónico ao seu superior, José Luís Rodríguez Vilariño, quen lle confirmou que nas reunións de seguimento levadas a cabo en Madrid estaba a falarse diso.

En concreto, o informe, enviado por Iglesias o 26 de decembro de 2011 aludía a que a transición entre ambos os sistemas "requiría a máxima atención do maquinista", de forma que se trasladaba a este "toda a responsabilidade da condución" ante un cambio de velocidade de 200 quilómetros por hora a 80 sen ningunha sinalización.

MÁIS INFORMACIÓN UN MES MÁIS TARDE

Ademais, Iglesias contou como, un mes máis tarde, a xerencia de seguridade de viaxeiros solicitoulle máis información sobre estas urxencias, polo que procedeu a enviarlle outro documento e a comprobar no terreo a descoordinación entre os dous sistemas.

A principios de 2014, Renfe alegou ante o xuíz que estes avisos non se trataron "en ningún das canles oficiais" sobre seguridade e que, pola contra, Iglesias dixera noutras comunicacións que a curva cumpría a normativa e que os condutores recibían formación.

No Congreso, Iglesias tamén negou que, unha vez ocorrido o accidente, levase a cabo un incremento da formación dos maquinistas. "Non foi así, intensificouse ou especializou tal e como se faría noutra liña pero non se incrementou", subliñou.

O AVISO

Iglesias Mazaira mandou un correo electrónico en decembro de 2011 no que alertaba de que nesa curva, a da Grandeira, xunto ao barrio compostelán de Angrois, había que reducir a velocidade duns 200 a uns 80 quilómetros por hora "dunha forma brusca sen un aviso previo por sinalización da vía".

"Ocorre esa transición de velocidade nunha zona de máxima atención e de risco pola citada transición de sistemas e pola sinalización lateral que hai que respectar. Unicamente existe un sinal de velocidade descendente (PTO) á altura do PK 84,230, pero de pouco vale posto que de non reducir previamente a velocidade nada se poderá facer xa", advertía.

O AUDIO DO MAQUINISTA

A semana pasada, na súa comparecencia, o maquinista, Francisco Garzón Amo, afirmou que o accidente estaba "anunciado", precisamente por avisos como o de Mazaira ou o que el mesmo manifestou na súa comunicación con Atocha após o descarrilamento.

"Isto xa llo dixen ao de seguridade (...) que isto era moi perigoso, que isto ía pasar", dixo naquel momento, nunha gravación que a comisión vetou reproducir ao formar parte do sumario xudicial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta