O Concello de Vigo avisa de que manterá as mobilizacións ata que os veciños de Coruxo teñan pediatra

Todos os grupos mostran o seu apoio e Abel Caballero subliña que seguirán con mobilizacións até reverter o "recorte" deste servizo

Por E.P. | VIGO | 18/07/2018 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

A Asociación de Veciños de Coruxo interveu no pleno de Vigo para denunciar a carencia de pediatra no centro de saúde da parroquia, e reclamar apoio para "garantir unha sanidade pública e de calidade e que saia a concurso a praza de pediatra". Todos os grupos municipais deron o seu apoio, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, ademais referendou que van "continuar con mobilizacións, demandas e actuacións até reverter" esta situación.

Veciños de Coruxo interveñen no pleno de Vigo
Veciños de Coruxo interveñen no pleno de Vigo | Fonte: Europa Press

A portavoz do colectivo Eva Alonso, explicou que, "pola falta de previsión do Sergas" de tramitar a praza de pediatra para cubrir a xubilación deste profesional, os nenos do centro de saúde de Coruxo "quedaron sen pediatría", e co seu traslado a Navia, a situación "empeorou", pois tan só hai dous pediatras que teñen unha sobrecarga de máis de 1.000 nenos cada un.

A iso, agregou que "aos poucos, as cartillas que pertencían ao centro de saúde de Coruxo" están a ser cambiadas a outros centros, co obxectivo, apuntou, de "reducir as cartillas, porque con menos de 900 cartillas prodúcese o peche automático do servizo". "Sabemos o que queren: o peche do centro de saúde por completo", advertiu.

No entanto, avisou que "non o van permitir", e para isto solicitou, en nome dos veciños das parroquias afectadas, "axuda" a todos os grupos do pleno municipal "para garantir unha sanidade pública e de calidade" e conseguir "que saia a concurso a praza de pediatra de Coruxo, e que, mentres, sexa cuberta por un pediatra" substituto.

O alcalde olívico transmitiu aos veciños que, ante "este recorte intolerable da Xunta, que afecta potencialmente a saúde de nenos de cinco parroquias importantes desta cidade, teñen o apoio incondicional do goberno desta cidade". "A vontade de deterioración da saúde desta cidade por parte da Xunta é permanentemente presente", engadiu.

Por iso, adiantou que van "continuar con mobilizacións, demandas e actuacións até reverter a decisión tomada pola Xunta e Feijóo, que afecta tan dramaticamente a esta cidade", e ademais esixirán "responsabilidades políticas" á Xunta. "Esta loita é unha loita de todo Vigo e non vai parar até a reposición do pediatra", concluíu.

OPOSICIÓN

O portavoz da Marea de Vigo, Rubén Pérez, remarcou que esta situación segue a "tónica xeral do que pasa cos servizos sanitarios", e en concreto, apuntou a "unha tentativa de ir derivando a pediatría á sanidade privada". Neste marco, apostou por "botar unha man" para que este servizo estea garantido e porque Sanidade incentive as prazas de pediatras no MIR.

A popular Elena Muñoz, pola súa banda, reiterou o apoio do PP ao mantemento do servizo de pediatría en Coruxo e do propio centro de saúde, xa que é "absolutamente imprescindible"; unha cuestión que lembrou que xa trasladaron aos veciños e ao Sergas. "É fundamental ter un pediatra preto de confianza, e o traslado a Navia é un problema de mobilidade", remarcou.

No entanto, despois de pór en valor que o Sergas deixou "a porta aberta a que en setembro, se hai pediatra, se recupere a praza", sostivo que "hai un problema estrutural de pediatras" e "corresponde negociar para que haxa máis prazas no MIR e o problema se solucione de raíz". En todo caso, lamentou que este tema "se queira utilizar como unha cuestión política".

Finalmente, polo grupo socialista, o concelleiro Cayetano Rodríguez, mostrou o "apoio e solidariedade" do Goberno local a esta petición veciñal, que, ao contrario que o PP, considerou "un tema político, porque detrás hai un acto de determinación política".

Nesta liña, desmentiu a xustificación do Sergas de que este é "un problema puntual que afecta a moitas comunidades autónomas, pero ademais, mal de moitos, consolo de parvos". Así, mantivo que isto obedece a "un cambio de modelo do Sergas", polo que "quere quitar a atención primaria da pediatría".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Eu pregunto por que ningún Grupo Municipal leva ao SERGAS ao xulgado por Neglixencia Continuada e denegación de servizos médicos á cidadanía ? Para o tema Catalán todos denuncian sen límite pero cando se trata da vida e da morte da xente semellan non ter máis que palabras e máis palabras pero resultados CERO !!! https://www.lavozdegalicia.es/notic... Non comprendo por que consentimos esta burla permanente !!!

1 Marisa Lago Martínez

¡¡¡¡Que vergoña!!!!. Pediatras sin traballo e a Xunta facendo recortes. Sr. Feijoo, vostede ten un bo traballo, por tanto un bo soldo, pero os pais que levan ós seus nenos o centro de saúde de Coruxo, moitos deles están no paro, e non poden pagar un pediatra para atender a os seus cativos. NON á suspensión do pediatra de Coruxo