A Xunta, "máis tranquila" despois de que Sánchez garantise a Feijóo a chegada do AVE a finais de 2019

O Goberno galego seguirá demandando a transferencia da AP-9 para que se poidan "materializar actuacións" sen depender do Estado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2018 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, asegurou que o Goberno galego está "máis tranquilo" polo "compromiso" de chegada do AVE en probas a Galicia a finais de 2019, que foi ratificado na reunión deste martes entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o do Executivo central, Pedro Sánchez. Ademais, insistiu en que a Xunta "seguirá demandando" a transferencia da AP-9, despois de que Sánchez deixase a porta aberta a esta reivindicación.

Ethel Vázquez. XUNTA - Archivo
Ethel Vázquez. XUNTA - Archivo | Fonte: Europa Press

Así o dixo este mércores para presentar as actuacións de mellora nas entradas do Camiño de Santiago en Compostela, acto que aproveitou para valorar os "principais" asuntos "de interese para Galicia" tratados no encontro entre o presidente galego e o estatal.

A conselleira de Infraestruturas constatou que o "compromiso" da chegada do AVE en 2019 era "unha data que está comprometida anteriormente", a pesar de que "ultimamente se puxo en dúbidas por parte do propio Partido Socialista", coa posibilidade de "solicitar un atraso".

Por iso, incidiu en que para o Goberno galego supón "certa tranquilidade saber que son prazos certos e viables", do mesmo xeito que o eran "con anterioridade", e que "agora corresponde á vontade política, o traballo e axilidade administrativa para completar ese acordo para a terminación das obras do AVE".

Neste sentido, Ethel Vázquez advertiu de que a Xunta "seguirá vixiante e atenta para que se cumpra ese cronograma viable" e se acade ese "obxectivo" para ter a conexión coa Meseta do tren de alta velocidade a finais de 2019.

PRESIÓN POLA TRANSFERENCIA DA AP-9

Por outra banda, sobre a transferencia da AP-9 a Galicia, a conselleira de Infraestruturas lembrou que se trata de "unha solicitude que o Goberno leva moito tempo demandando", e "esa postura non cambiou en absoluto". Así, incidiu en que é algo que "se seguirá demandando", cun "apoio unánime do Parlamento de Galicia".

Ademais, insistiu en que esta transferencia "é boa para Galicia e para os intereses dos galegos" e "implicaría un mellor servizo na estrada", xa que "o Estado ten máis de 29 AP-9s, pero a Xunta dispón dunha soa pola que velar directamente" para "mellorar a súa calidade".

Así mesmo, Ethel Vázquez apuntou que deste xeito se podería "velar polo ben de moitas outras obras relacionadas" coa autovía, como a vía Ártabra (A Coruña), que "xa estaría en execución"; así como a conexión desde a Cidade da Cultura, obra que "xa estaría feita desde hai tempo"; e a eliminación da peaxe de Redondela. "Dependeriamos de nós mesmos para materializar actuacións e infraestruturas de mellora", aseverou.

ACCESOS Á INTERMODAL DE SANTIAGO

Xunto aos anteriores temas, durante a presentación deste mércores, a conselleira tamén respondeu a preguntas sobre a situación llos accesos á estación intermodal compostelá.

Respecto diso, asegurou que a Xunta "non ten máis información que os medios de comunicación", a pesar de que se trata dun "proxecto estratéxico para o Goberno galego", que implica a "mellora das infraestruturas no marco da estratexia de mellora do transporte público en Galicia".

Así, augurou que con esta estación intermodal marcarase "un fito importante" para o ano 2019, "despois do traballo de moita xente, de forma dialogada e transparente con Adif, informando en todo momento dos avances". Por iso, indicou que "a obra está en marcha" e "con respecto aos accesos a Xunta non ten máis información".

No entanto, apuntou que o concelleiro de Mobilidade de Santiago, Jorge Duarte, "licitaba en xaneiro uns accesos que non se viron até hai unha semana". Por tanto, confiou en que "cando estea a intermodal executada sexa compatible con todo ese traballo que ten que facer o Concello de Santiago para que os accesos estean terminados e acordes para a estación".

Ademais, con respecto á expropiación dos terreos que se necesitan para continuar coa obra, Ethel Vázquez informou de que este martes se pediu un certificado de dispoñibilidade dos terreos "necesarios para seguir avanzando" e que "a día de hoxe aínda non chegou" (a resposta).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta