O precariado laboral; unha clase ou só un nome?

A finais do século XX ía tomando forma o concepto de precariado laboral. Entre os anos 2000 e 2018 foise conceptualizando a idea para ser materializada sobre un sector social que vía retroceder o seu poder adquisitivo, dereitos laborais e falta de oportunidades no lugar de residencia. Puntos como estes son os que describirían o “precariado”, aínda que son varias as voces que o describen como un sector dentro da clase traballadora.

Por Moncho Mariño | Santiago | 18/07/2018 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

A eliminación de postos de traballo en sectores como o naval, industrial, agrícola e outros dos denominados básicos, trouxo canda si a falta de oportunidades laborais para as xeracións máis novas. Esta grande vaga de eliminación de postos coincidiu en Galicia, como no resto do Estado, coa entrada na Unión Europea e o comezo das políticas denominadas “neoliberais” que pretendían acabar coa seguridade no emprego e tamén co que se consideraban “privilexios” da clase traballadora.

Oficina Da Seguridade Social
Oficina Da Seguridade Social

Así acabouse por instaurar un sistema económico que tivo unha incidencia negativa en amplas zonas das áreas máis industrializadas de Europa e tamén de EE UU. A consencuencia inmediata foi a perda de oportunidades laborais en primeiro lugar, a aparición dunha economía cunhas características máis “flexibles” que permitían o libre despedimento que se traduciu nunha inseguridade laboral que antes non existía da maneira que existe hoxe. En tal caso, e apuntanto ás xeracións máis novas outra vez, estamos vendo como os ritmos da evolución laboral, marcados por políticas e culturas laborais de altos beneficios a baixo prezo, crean asalariados con poder adquisitivo moi baixo e sen ver un futuro mellor a medio prazo.

PRECARIADO, O NOME E AS ORIXES

O termo quere describir un segmento da sociedade traballadora baixo a precarización laboral que non lle permite ver un avance ou futuro no desenvolvemento profesional e carece de seguridade laboral. Isto último tradúcese nunha remuneración escasa, horarios flexibles e moitas veces con horas de máis que as reflecticas nun contrato e sobre todo, este segmento social vai perdendo o apoio das estruturas estatais básicas do denominado estado do benestar.

“Realmente non é unha nova clase, en tal caso sería unha subclase dentro do proletariado, a diferenza está en que as condicións laborais son inferiores ás que había dez anos atrás” di Ricardo Castro, secretario xeral da CUT. “Esta é unha política laboral de beneficio rápido con salarios baixos e son abandeirados desta política empresas como Amazon ou Deliveroo” di Castro. O caso das dúas empresas mencionadas “é que os traballadores e traballadoras están atomizados, son maioritariamente autónomos, conseguen que non haxa unión laboral e logo aplican a idea do emprendedor” sinala Castro que pon como exemplo de isto último “Vulcano, o estaleiro, comezou unha reconversión industrial baseándose na oferta de emprego pero co traballador ou traballadora responsabilizándose do seu labor, é dicir, facéndose autónomo”.

A dixitalización da economía e  por tanto dos postos de traballo trouxo o deterioro nas condicións laborais” sinala José Carlos Rodríguez, responsable de política Institucional de UGT Galicia. “Hai unha depauperación nas condicións dos postos de traballo” froito dunhas políticas de dixitalización  que segundo apunta Rodríguez en base a estudos sobre a evolución laboral, “en cinco anos poderían facer desaparecer un terzo dos postos de traballo actuais”. Isto seguramente tamén teña como consecuencia chegada doutros novos traballos relacionados coas novas tecnoloxías. Pero eses postos estarían estruturados e deseñados para frear actitudes de reivindicación ou polo menos atemperalas.


XENTE NOVA E PRECARIZACIÓN

A reforma laboral impulsada polo goberno de Rajoy transformou o panorama laboral de novo en plena crise económica. Así os empresarios comezaron a instaurar unha nova cultura empresarial e laboral sobre a xente nova que buscaba traballo. “A situación é que xente nova emigra fóra, mesmo para estudar, a lugares onde as oportunidades son maiores e onde a cultura empresarial non é tan agresiva como aquí” di Omar Ceveira, secretario de Xuventude de Comisiones Obreras Galicia. “Hai casos como os captadores de socios para ONG´s onde si hai contratos, pero dentro deles existen cláusulas que obrigan á persoa contratada a facer un número determinado de socios, se non se cumpre con ese número esa persoa será despedida” denuncia Ceveira. E a maioría de captadores e captadoras son persoas novas.

O sector da hostelería foi tradicionalmente un dos que máis xente nova absorbía, sobre todo no verán. Ricardo Alonso, da CIG Hostalería apunta: “ a flexibilidade horaria tanto en horas de xornada laboral como horas que se traballan mostra unha tendencia á discrecionalidade por parte da empresa”. Así temos contratos por dez horas á semana para cubrir postos nas horas punta pero “que se van estendendo ás 20 ou máis horas durante a semana”. Alonso sinala tamén que a discrecionalidade “aproveitando as Redes Sociais” en concordancia coa nova sociedade dixital “os empresarios van chamando a tal hora do día á moza ou mozo para ir traballar unhas horas e logo xa se pode ir” co que “despois xa lle van debendo horas á empresa”, punto este que “impide a conciliación laboral e familiar” e que en moitos casos ten como tradución “a falta de xente para traballar no sector e que moitos traballadores sexan non cualificados e por tanto exista unha baixa calidade profesional” remarca Ricardo Alonso.

Por outra banda, “este tipo de contratación e uns salarios baixos é consecuencia tamén do medo a entrar na bolsa de desemprego” di Ricardo Castro da CUT. E máis aínda cando en Galicia “no ano 2017 existían un 19´2% de fogares sen ningún tipo de ingreso” apunta José Carlos Rodríguez quen tamén sinala “que somos unha das comunidades con salarios máis baixos e tamén entre as primeiras en pensións máis baixas”. E iso que “segundo enquisas o crecemento en Galicia sería superior ou igual ao 3%, o que pasa é que iso non se traslada aos traballadores e traballadoras”. Calquera tipo de contratación aínda por horas, serve para rebaixar as cifras do desemprego.

A PAISAXE QUE VEMOS

Os e as traballadoras de Amazon en Madrid en folga, piden mellores condicións laborais e salariais. As traballadoras de Bershka, do grupo Inditex estiveron en folga pedindo melloras salariais e laborais. Deliveroo tivo que recoñecer que traballa con xente en réxime de falsos autónomos e autónomas con horarios discrecionais. E todo isto por que? Porque a maioría deste tipo de emprego nace nos EE UU aproveitando unhas lexislacións laborais moito máis flexibles que as europeas. Cando as empresas como Amazon ou Uber queren acceder ao mercado europeo, ven que non teñen a mesma flexibilidade, segundo que países claro, para poderen operar como no seu lugar de orixe.

A cuestión é que mentres se tenta por unha banda a maior flexibilidade laboral desde a UE, tamén no seo da mesma Unión pídese que haxa maior control sobre estas novas empresas e que se recupere a axenda social, abondo deteriorada tras dez anos de crise económica. “Fronte ao marco de regulación estatal, para impedir o abuso de empresas e empresarios, debera haber un marco legal europeo que obrigue a cumprir unhas condicións laborais dignas” di José Carlso Rodríguez, “e non unha lexislación por país”. Isto implicaría tamén un maior control por parte da UE sobre o mercado laboral, porque a nivel galego e español, “a inspección de traballo está saturada e con falta de persoal”.

Se hai xa máis de vinte anos que se anunciou a fin da loita de clases, para as organizacións de traballadores esta idea é falsa. “A loita de clases continúa, segue e un dos exemplos é o que está acontecendo coa xente nova e o mundo laboral” di Omar Ceveira. “Quen protesta, quen ofrece alternativas é visto como un inimigo e por tanto é perseguido” di Castro da CUT. “O capitalismo usa superestruturas como o estado para implantar as súas condicións”.

O precariado entón resultaría ser unha consecuencia das políticas laborais aplicadas desde os anos 90 no mundo “desenvolvido” cunha intencionalidade clara. A de rebaixar a protección das novas xeracións de traballadores e o aumento dos beneficios das empresas, sobre todo multinacionais. A diferencia que algúns apuntan entre proletariado e precariado sería que o primeiro si ten acceso ás cada vez máis recortadas prestacións sociais, mentres que o precariado estaría quedando sen elas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 interesante