Valdeorras aposta pola Vendima "On line"

O Consello Regulador vén de presentar unha aplicación móbil para monitorizar os datos da vendima e será patrocinador oficial do Silfest Valdeorras.

Por X.M. Fernández | O Barco de Valdeorras | 19/07/2018 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, informou no recente Pleno do organismo que na vindeira campaña poderanse monitorizar os datos da vendima (número de quilos recollidos, datos por variedades, etc) en tempo real, grazas ao desenvolvemento dunha app específica creada para o organismo.

Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Fonte: CRDOV
Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Fonte: CRDOV

“Coa habilitación desta aplicación, o Consello Regulador experimenta un salto cualitativo posto que diferentes procedementos administrativos relacionados coa vendima que ata o de agora se realizaban de xeito analóxico, pasan a dixitalizarse”, destacou García Pando.

Esta aplicación informática supón un paso moi importante en canto a innovación no sector e será presentada aos adegueiros en breve para que se vaian familiarizando con ela. A intención é fomentar o proceso de transformación dixital nas xestións co Consello Regulador. A empresa que desenvolve a app ofrecerá formación sobre o seu emprego a todos os membros do sector vitivinícola valdeorrés e a intención é que sexa xa de uso obrigatorio para a vindeira campaña.

Aproveitando o Pleno do organismo aprobouse o procedemento de auditoría da vendima e as normas da vindeira campaña para vendedores, adegas e explotadores, que sofren lixeiros cambios para adaptarse aos requirimentos esixidos por ENAC.

Patrocinador do Silfest

Do 19 ao 21 deste mes, o Barco de Valdeorras acolle este festival multicultural á beira do río Sil. A música será o eixo central do evento pero de forma paralela contémplanse un espazo específico con moitas e diferentes actividades para os máis pequenos, o “mini Silfest”, e alternativas divulgativas de promoción dos viños da zona.

SilFest, Los Íñigos. Fonte: Jorge
SilFest, Los Íñigos. Fonte: Jorge

O Consello Regulador do viño da Denominación de Orixe Valdeorras é o patrocinador principal nesta edición, e iso nótase na multitude de actividades que dende a organización prepararon arredor do viño: catas de viño con poesía, cata de viño con batalla de músicos, curso de maridaxe de queixos con viños de Valdeorras e visitas a algunhas das adegas da D.O. Valdeorras. Ademais dunha zona de exposición e venda onde poder obter información, probalos, e comprar por copa e botella os mellores viños da zona.

Para os concertos do Silfest, nos que actuarán importantes bandas de referencia do pop, rock e indie nacional, haberá varios escenarios, estando un deles patrocinado pola D.O. Valdeorras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta