Casas do maior en concellos pequenos atenderán a dependentes de máis de 60 anos

A Xunta achegará 19.600 euros ao ano por titular, que terá que achegar a maiores 100 euros mensuais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2018 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

O Consello da Xunta aprobou a posta en marcha das 'casas do maior', unha experiencia piloto que proporcionará atención profesional durante un máximo de oito horas de luns a venres durante todo o ano (excepto festivos e un mes de cada 12) a persoas de máis de 60 anos en situación de dependencia moderada e severa, en concellos de menos de 5.000 habitantes.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

A iniciativa conta cun investimento global de algo máis de 1,36 millóns de euros para as anualidades de 2018 e 2019, con axudas para investimento de até o 100% dos gastos e un máximo de 15.000 euros por cada casa. Serán subvencionables, ao amparo desta convocatoria, a reforma e adaptación da vivenda, o seu equipamento e a dotación de material.

Cada casa atenderá a un máximo de cinco persoas, de forma "flexible" e con "garantías de seguridade e calidade", dado que se esixirá formación ou experiencia profesional específica. A atención comprenderá manutención, hixiene e actividades de lecer e/ou cognitivas.

A prestación de atención individualizada dos usuarios terá unha prima de 19.600 euros ao ano e o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou en rolda de prensa após a reunión semanal do Goberno que cada maior terá que achegar 100 euros máis ao mes.

"O diñeiro que temos destinado para este fin chega para 30 casas dos 90 totais posibles", expuxo. Neste sentido, explicou que son 90 as localidades susceptibles de implantar nos seus límites este recurso e que o Executivo está "en condicións" de ampliar o crédito previsto.

A Xunta presenta esta infraestrutura como alternativa cando, en poboacións de menos de 5.000 habitantes, non existan recursos de atención para este colectivo ou cando o internamento nese tipo de institucións non sexa desexado, en busca do mantemento "no medio social habitual" coa finalidade de garantir "a futura posta en marcha eficiente de servizos de atención en pequenos grupos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta