Os desvíos do Camiño de Santiago

A creación ou o renacemento das rutas xacobeas desde 1993 implicou a afluencia de peregrinos, camiñantes ou turistas nos diferentes itinerarios cara Compostela. Arredor do Camiño instalouse unha sinaléctica co obxectivo de facilitar o percorrido. Non obstante, en diferentes puntos das diferentes rutas non é a primeira vez que intereses persoais, comerciais ou vandalismo, buscan dificultar ou aproveitarse da peregrinación.

Por Moncho Mariño | Santiago | 19/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A desubicación das vieiras e frechas marelas, así como os marcos de pedra onde están incrustadas, parece que a día de hoxe non ten ningunha consecuencia legal para quen altera a ruta do Camiño de Santiago mediante cambios nos  sinais. O Camiño, segundo asociacións, particulares e estudosos da ruta, é unha tentación para quen queira tirar proveito económico da mesma. Un regalo gostoso de máis para deixalo pasar e non facer nada. Pero a cuestión é que mesmo xente involucrada no estudo do trazado de peregrinaxe, apunta que a actual  vía non corresponde coa liña marcada na Idade Media, pois toda a información estaría a estas alturas perdida ou en lugar descoñecido.

Sinais do Camiño en Compostela
Sinais do Camiño en Compostela | Fonte: Galicia Confidencial

Pero sobre as accións encaradas á deturpación dos sinais actuais, non se pode afirmar de maneira segura que detrás de cada acto de alteración nos indicadores na ruta xacobea haxa intereses creados en base ao desexo de beneficio. Iso é o que din desde asociacións xacobeas. As intencións poden ser moi variadas e desde logo, cada unha podería estar movida por diferentes obxectivos. O caso é que desde Ponferrada ao Porriño, son varias voces avisando contra unha práctica que en moitos casos pode supoñer mesmo a perda de prestixio para o Camiño.

RUTAS

En 2010 ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) xunto co Foro do Camiño Primitivo, iniciaban a recuperación dun treito do antigo Camiño no concello de Toques. Nesta área podía observarse os restos da vella calzada que marcaba e sinalaba o traxecto orixinal segundo o filólogo e estudoso da vía xacobea, Ricardo Polín. Segundo Polín a ruta actual respoden a unha serie de intereses e recreacións actuais do Camiño medieval. “En Francia realizouse unha recreación da vella ruta de peregrinaxes pasando por lugares concretos con determinados intereses nesta ruta” o que segundo o estudoso “fai que a vella calzada perda valor e estea agora abandonada".

O resultado das diferentes intervencións desde que se iniciara o proxecto Xacobeo, trouxo para Polín a creación dun “neotrazado” ou nova ruta distinta á primixenia. “Este novo trazado deixa fóra albergues, hospitais e pontes que si formaron parte do trazado primitivo hai mil anos”, ademais de “núcleos urbanos que eran parte da peregrinaxe que hoxe por hoxe están na ruína”. Un exemplo para Polín é o casco vello de Lugo, sobre todo o barrio da Tinería, por onde transcorría o Camiño. A saída actual vai en dirección ao río Miño. Isto para o estudoso supón non respectar a Lei de Protección dos Camiños de Santiago de 1996, sobre todo no apartado de autenticidade das vías antigas.

SINAIS E POLÉMICAS

“Existe un negocio arredor de toda a sinaléctica actual do Camiño” di Polín, debido aos deseños, dereitos sobre os mesmos, colocación e mantemento. O caso é que aínda hoxe as diferentes rutas xacobeas están a homologar os sinais. “Buscamos que a sinalización sexa igual en todas as comunidades por onde pasa o Camiño, que haxa unha homologación, unha homoxeneización das placas e marcos” di Roger de la Cruz, presidente da Asociación de Amigos del Camino de Santiago del Bierzo. Esta homoxeinización levaría, en parte, a un mellor recoñecemento do itinerario que deberan seguir as persoas que se aventuren na vía xacobea.

O obxectivo é claro, que non se produzan casos como o acontecido en Ponferrada. “Fóra de Ponferrada, vindo de Molinaseca, hai unha bifurcación. O traxecto da esquerda é o correcto para seguir o Camiño, o da dereita leva cara unha urbanización” di de la Cruz. “Isto mellorou bastante desde o ano 2016 cando o concello de Ponferrada cambiou o marco de sinalización” porque antes “estaba todo emborronado e pintaron a frecha marela para a dereita”. Mesmo o goberno autonómico de Castela e León colocara un sinal que foi arrincado posteriormente.

Estas accións para de la Cruz claramente “dan unha mala imaxe no estranxeiro tanto do Camiño como das vilas e cidades por onde pasa, ademais de confundiren ao peregrino que non sería a primeira vez que se mobilizan recursos para buscar a unha persoa perdida por culpa destas accións”. Neste sentido o caso máis dramático fora o da peregrina norteamericana Denisse Thiem que foi asasinada logo de que o autor do crime cambiara os sinais no Camiño.

Outro caso é o do concello do Porriño. Manuel López, presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, denuncia os cambios nos sinais no Camiño Portugués que transcorre polo concello pontevedrés. “Levamos anos pelexando porque o trazado deixe de atravesar o polígono industrial, por iso sinalamos unha vía xunto ao río Louro” di López. As accións máis frecuentes son o arrincado de marcos, pintar frechas marelas e outros sinais no chan. “Houbo mesmo denuncias que quedaron arquivadas no xulgado, pero o que pedimos é a reparación da sinalización” insiste Manuel López. A sospeita recae nos intereses particulares que desexan ter beneficio da vía de peregrinaxe. No polígono industrial existen bares, restaurantes e outros complexos hostaleiros que ben poderían ter uns ingresos aproveitando o paso dos peregrinos.

A reclamación do paso do Camiño de Santiago por determinadas zonas segundo os intereses implicados estaría, segundo Ricardo Polín, nas protestas feitas arredor do Camiño Norte. “Os técnicos quixeron recuperar o trazado antigo segundo os datos históricos, pero os hostaleiros pegados ao camiño que se instaurou” a partir do primeiro Xacobeo en 1993 “protestaron e houbo que deixalo como estaba”.

RECLAMAR MÁIS ATENCIÓN

“Desde as diversas asociacións presentamos demandas ás autoridades. Tivemos reunións coa Deputación de León para que se respete a sinalización e non sexa alterada. Tamén nos reunións coa Subdedelegación do Goberno en León para reforzar a seguridade” sinala Roger de la Cruz “pero o que vemos necesario é que hai que formar os axentes da Policía, da Garda Civil, pois aínda que están para seguridade, moitas veces descoñecen mesmo o significado dos sinais”.

“Os concellos e a sociedade do Xacobeo miran para outro lado e desde a nosa asociación facemos o que non fai a administración” di Manuel López, quen considera necesaria unha maior intervención desde as instancias autonómicas en Galicia. “A xestión debera estar dentro da Consellería de Cultura, non desde o Xacobeo que é unha oficina de turismo” declara Ricardo Polín quen engade que “houbo actuacións que invadiron o camiño antigo mediante propiedades privadas e desvíos interesados”.

O caso é que o Camiño e a súa sinalización así como o trazado, logo de máis de dúas décadas, seguen ofrecendo cuestións a resolver e o reclamo ás autoridades para interviren é importante. Lembrar que a ruta xacobea está entre o patrimonio declarado ben da Humanidade. Este punto fai que moitos e moitas reclamen unha maior atención para o coidado e preservación da ruta. Así mesmo, coidan tanto asociacións como particulares que as institucións só se fixan nas cifras económicas e de visitas realizadas, sen importarlles a carga tanto espiritual como histórica do Camiño. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Himalaya

Uno de mis grandes es hacer el camino de Santiago, espero pronto se me cumpla. https://www.clorurodesodio.org/sal-...